Sábado 20 de Outubro de 2018

Os Bombeiros de Santiago celebran este sábado unha xornada de portas abertas con motivo do seu patrón


O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e o xefe dos Bombeiros de Santiago, Xesús Martínez, presentaron hoxe as actividades coas que o corpo vai celebrar, por adiantado, o día do seu patrón. O acto central será o sábado, cunha xornada de portas abertas no propio parque que se desenvolverá de dez da mañá a unha da tarde.

O xefe dos Bombeiros explicou que a actividade do sábado, que se desenvolve en colaboración co Departamento de Educación, “está pensada para toda a familia”. Para os nenos e nenas máis pequenos haberá unha zona especial, con xogos e obradoiros. Os máis maiores mesmo poderán vestir o traxe de bombeiro.

Ademais, están previstos obradoiros de excarceración en vehículos, un taller sobre o uso dos extintores e unha demostración sobre como se pode producir un incendio nunha tixola e que medidas hai que adoptar para apagalo. Xesús Martínez indicou que os nenos e nenas que participen nas actividades levarán un casco de bombeiro como agasallo e recibirán o seu carné de bombeiro infantil. Para asistir á xornada non é preciso inscrición previa.

Balance de actividade
Xesús Martínez aproveitou a rolda de prensa para facer balance das intervencións realizadas polo corpo o ano pasado. En 2016, os Bombeiros de Santiago realizaron 1.482 saídas, fronte ás 1.062 do ano anterior. De feito, o ano pasado acadouse a cifra máis alta de intervencións dos últimos sete exercicios. O xefe do corpo explicou que este incremento “responde fundamentalmente á aparición de niños de avespa velutina, que obrigaron a realizar 366 intervencións”

Do total de saídas realizadas o ano pasado, 28 foron por avisos falsos, e outras 29 non requiriron finalmente intervención. Só dúas das intervencións foron noutros concellos, en concreto en Teo e en Vedra.
Por meses, o maior número de intervencións rexistrouse en setembro, con 176; seguido de outubro, con 156; e agosto, con 151. Por tramos horarios, a maioría das intervencións prodúcense ás dez da noite. Xesús Martínez sinalou que isto responde a que “esa é a hora na que se produce o cambio de turno, e na que se fai unha revisión do estado das rúas”

Tipo de intervencións
As estatísticas dos Bombeiros relativas ao ano pasado sinalan que a maioría das intervencións realizadas, 438, estiveron relacionadas con labores de vixilancia e prevención. Neste sentido, o xefe dos Bombeiros explicou que se está a facer “unha gran aposta pola prevención, tanto nas escolas como noutros ámbitos como a Universidade de Santiago”. De feito, lembrou que se ten asinado un convenio coa USC “e xa se lle está impartindo formación a uxieres e profesores”.

Nas estatísticas de 2016 destaca o eleva número de intervencións relacionadas coa presenza de enxames, un total de 366, das que o 90% responden a niños de avespa velutina. Xesús Martínez explicou que, en virtude dun convenio asinado coa FEGAMP, son os servizos municipais de bombeiros os que se fan cargo dos niños, e aclarou que a súa eliminación require varias intervencións “primeiro para identificalos e despois para tratalos”. De feito, o número real de niños de avespa velutina eliminados polos Bombeiros en 2016 foi de 166.

En canto aos accidentes de tráfico, os Bombeiros tiveron que atender o ano pasado 42, un número sensiblemente superior ao de 2015. Martínez indicou que “o aumento ten que ver co novo protocolo aplicado polo 112, que obriga a dar aviso aos bombeiros de todos os sinistros que se producen, aínda que despois moitas veces non sexa necesaria a intervención”.

Ao longo do ano pasado, tamén se rexistraron 143 saídas para traballos relacionados con limpeza de calzadas, 94 por incendios urbanos, 26 por incendios en contedores, 21 por lumes forestais, e 13 por incendios en vehículos. Por inundacións, o corpo tipo que realizar 34 saídas e 30 por caídas de árbores.

Recoñecemento ao traballo dos Bombeiros
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia quixo facer un recoñecemento público do labor que desenvolven os Bombeiros de Santiago, “que demostran unha grande implicación no bo funcionamento do servizo”. Xan Duro aplaudiu especialmente o traballo de Xesús Martínez, que se xubilará este ano.

Pola súa banda, o xefe dos Bombeiros agradeceu “o esforzo feito polo Goberno para mellorar a situación laboral dos bombeiros e a formación que reciben, a súa aposta polos labores de prevención, e o seu empeño para que o servizo teña o peso que merece no Concello de Santiago”.