Martes 21 de Agosto de 2018

Posta en marcha do novo ximnasio e do pavillón Campomaior


O investimento para a mellora supera os 258.000 €. Hoxe o alcalde e a concelleira de Deportes acudiron á xornada de tecnificación organizada polo club Boudsport. Recoñecemento especial a Carla Diéguez e Xosé Castro tras o Campionato España Cadete

O Concello de Ordes pon á disposición de veciños e veciños un novo ximnasio de 300 metros cuadrados que mellora considerablemente a oferta deportiva. A nova infraestrutura multidisciplinar está situada a carón do pavillón Campomaior e conta cun acceso directo para facilitar o tránsito de usuarios en todo o complexo. A actuación incluíu tamén o arranxo e o acondicionamento do propio pavillón Campomaior e dos terreos lindeiros. En total hai que falar dalgo máis de 193.000 €, subvencionados nun 58% pola Deputación da Coruña grazas ao convenio asinado en marzo de 2016. A este importa hai que engadirlle outros 53.000 € de fondos propios destinados ao arranxo e mellora da cuberta do pavillón, á cal se dotou con puntos de luz natural.

Tanto os estudantes do CEIP Campomaior como como o resto da cidadanía poderán beneficiarse dunhas instalacións con maior capacidade e aptas para ofrecer máis servizos. O novo ximnasio está destinado á práctica de actividades e cursos monitorizados como ioga, ioga terapéutico, pilates, danza do ventre, ximnasia con material e para maiores, hipopresivos e taekwondo, entre outras. A medida posibilita que se estén a desconxestionar os espazos onde habitualmente se desenvolve o programa deportivo municipal, como é o local situado na rúa Reconciliación.

Destaca tamén a nova pista de vinilo que cubre o pavillón, sinalizada segundo o regulamento da Real Federación Española de Patinaxe, e que xa está a ser utilizada polos integrantes do Club Galia de Patinaxe. Outras execucións a destacar son: Substitución do exterior da fachada existente por unha chapa minionda en cor aluminio; repintado do interior de toda a instalación; melloras nas zonas de baños e duchas; pintado da pista para a práctica de tenis, fútbol sala e baloncesto segundo a normativa oficial; illamentos e impermeabilizacións; revestimentos interiores e azulexados; carpintería; vidreiras; instalacións eléctricas; fontanería; xestión de residuos, controis de seguridade e saúde etc.

Medallistas de 5 clubs
Esta maña o alcalde de Ordes e a concelleira de Deportes, José Luis Martínez Sanjurjo e Ana Soneira, achegáronse ao novo ximnasio para compartir a mañá cos integrantes do Club Boudsport de Taekwondo. Un encontro que ambos representantes aprobeitaron para felicitar e recoñecer publicamente o esforzo e o éxito acadado por Carla Diéguez Veiras, que a semana pasada alcanzou o título de subcampioa de España cadete 2017 (campioa galega cadete 2017 e 2016), e por Manuel Castro Rodríguez, bronce no Campionato de España Cadete 2017 ( bronce no Campinato Galego Cadete 2016 e campión galego cadete 2017).

O club local foi o encargado de organizar unha xornada de tecnificacion de combate na que participaron os clubs Garrapucho (A Coruña), Center (Oleiros), Kwon (Betanzos), Moo Duk Kwan (Villalba). Entre outros e outras varios e varias medallistas dos últimos campionatos nacionais e autonómicos tiveron ocasión de afinar a súa preparacion de cara ao próximo open de España (25 e 26 de marzo) nos novos tapices de máis de 190 metros cuadrados aportados pola área de Deportes do Ordes. Uns novos elementos que permitirán habilitar 3 zonas de combate distintas, algo moi necesario para que os membros do Boudsport sigan acadando medallas e éxitos ao longo de todo o territorio nacional.