Luns 16 de Xullo de 2018

A Xunta pon en valor o labor solidario das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil


O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor participou no 20 aniversario da AVPC de Val do Dubra

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, puxo en valor o labor solidario que levan a cabo as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). Así o salientou esta mañá durante a súa participación no 20 aniversario da AVPC do Val do Dubra, da que eloxiou a súa longa traxectoria.

Menor explicou que o colectivo da Protección Civil en Galicia é un dos piares fundamentais no eido das emerxencias, en tanto complementan e reforzan a rede profesional de xestión e atención e contribúen co seu esforzo desinteresado a ofrecer o mellor servizo aos cidadáns, no chanzo máis próximo a eles, dende os concellos.

Por iso, desde o Goberno galego apóiase o seu labor a través de distintas iniciativas, como a formación, o equipamento e as axudas económicas. No caso concreto de Val do Dubra, a asociación ten recibido axudas por valor duns 9.000 euros nos últimos catro anos, así como equipamento como un remolque de emerxencias, un esparexador de sal e un todo terreo pick-up.

No eido da formación, o director xeral lembrou tamén o esforzo tan importante que está a realizar nesta materia a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), a través de iniciativas como os itinerarios formativos homologados polo Sistema Nacional de Cualificacións para os voluntarios, que permiten obter un certificado de profesionalidade.