Venres 16 de Abril de 2021

O alcalde confía en que o pleno ordinario de abril adopte a decisión definitiva sobre a municipalización da ORA


O alcalde, Martiño Noriega, afirmou hoxe que a intención do goberno local é que a decisión definitiva sobre a municipalización da ORA e o guindastre se adopte no pleno ordinario do mes de abril, que previsiblemente se celebre o día 27 para evitar a súa coincidencia coa Semana Santa.

O alcalde confía en que ao longo do próximo mes estean finalizados os novos informes económicos que se solicitaron despois da comisión técnica celebrada onte, e que «permitirán comparar distintos modelos de municipalización, aínda que saibamos xa que o único viable é que sexa Tussa quen preste o servizo».

Martiño Noriega explicou que a comisión celebrada onte acordou «non solicitar novos informes sobre a cuestión do persoal, porque todos somos conscientes de que nunca haberá desempate». Nese sentido, o rexedor lembrou que existen informes contraditorios sobre as posibilidades que deixa a taxa de reposición para que os concellos recuperen servizos, e defendeu «que, aínda que o debate xurídico está aí, o que toca é tomar decisións políticas que nunca van ser pacíficas».

O proceso para a municipalización da ORA e do guindastre comezou despois de que unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulara a concesión do servizo á empresa Setex Aparqui, porque incumpría o prego de condicións do concurso no que resultara adxudicataria. A partir de aí, acordouse a modificación do obxecto social de Tussa, para que puidera asumir a xestión da ORA e o guindastre, e o Consello de Administración da empresa municipal informou posteriormente da súa viabilidade económica e xurídica.

Finalmente, o pleno da corporación acordou en decembro crear unha comisión técnica e iniciar o procedemento de asunción directa da xestión do servizo da ORA e o guindastre a través de Tussa.