Luns 23 de Abril de 2018

A Xunta remata as actuacións de mellora de seguridade viaria na estrada AC-221, ao seu paso por Abegondo


Estas obras, entre os Pq. 12+775 e 13+000 da citada estrada, foron financiadas polo Goberno galego mediante a achega duns 40.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de rematar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-221, en Abegondo.

Estas actuacións, que se levaron a cabo no treito comprendido entre os Pq. 12+775 e 13+000 da citada estrada autonómica, constan dun investimento de case 40.000 euros por parte do Goberno galego.

O proxecto contemplou a execución dunha senda peonil de formigón de 1,8 metros de ancho, pola marxe dereita da estrada AC-221, desde o paso superior existente sobre a A-6, nas proximidades de Crendes ata conectar coa beirarrúa existente en Abegondo.

Tamén se realizaron uns traballos de colocación dun tubo para a canalización das augas de drenaxe, así como a instalación dunha varanda de 40 metros.

A Axencia Galega de Infraestruturas, atendendo a solicitude do Concello de Abegondo, unha vez rematada a construción da senda, levou a cabo a pavimentación da banda de aparcadoiro situada entre o itinerario peonil e a calzada.

O Executivo autonómico continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

Nas seguintes fotografías amósase a estrada tras a construción da senda peonil e a realización de traballos de pavimentado.