Mércores 17 de Outubro de 2018

Marta Míguez asegura que o Casino Sociedade Deportiva Arzúa posúe “un lugar destacado dentro do patrimonio deportivo galego” na presentación das actividades do seu 50 aniversario


Augura “moitos máis éxitos, vitorias e anécdotas que contar” ao tempo que apunta que “50 anos xa son dabondo para ter moito que celebrar”
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na xornada de hoxe na gala de presentación das actividades conmemorativas do 50 aniversario da fundación do Club Casino Sociedade Deportiva Arzúa. Alí, a máxima responsable do deporte galego asegurou que “50 anos de historia, ben valen un lugar destacado dentro do patrimonio galego para o Casino Sociedade Deportiva Arzúa”.

No edificio multiusos Terra do Queixo, a responsable de Deporte augurou “moitos máis éxitos, vitorias e anécdotas que contar” ao tempo que apuntou que “50 anos xa son dabondo para ter moito que celebrar”.

Tras destacar a gastronomía, a cultura e o deporte da vila coruñesa, Marta Míguez destacou aos arzuáns e arzuás como “xente de arduo traballo, grande esforzo e plena dedicación”. Uns valores que premia o galardón de Arzúan do Ano e que, na súa primeira edición de 2016, recoñeceu o traballo do Casino Sociedade Deportiva Arzúa.

Do mesmo xeito, a secretaria xeral felicitou ao Casino Sociedade Deportiva Arzúa pola excelente campaña que está a realizar e amosou o seu desexo de que “o primeiro e o segundo equipo e o xuvenil sigan colleitando éxitos outros 50 anos máis”.