Luns 19 de Novembro de 2018

A Xunta de Galicia reitera que o número de docentes asignado aos colexios de Culleredo permite dar resposta ás demandas educativas do municipio


A delegada territorial do Goberno galego na provincia explica que todos os centros de Educación Infantil e Primaria do concello teñen asignados profesores por riba do que establece o catálogo vixente

A Xunta de Galicia aclara que o número de profesores previsto para este curso nos catro colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do municipio de Culleredo permite dar resposta ás necesidades educativas de cada centro.

A delegada territorial do Goberno galego na provincia, Belén do Campo, recordou que nos colexios Isaac Díaz Pardo, Sofía Casanova, Plurilingüe de Tarrío e Ría do Burgo a Consellería de Educación asignou os profesores necesarios para cubrir as necesidades específicas do alumnado, con cifras que incluso se atopan en todos os casos por riba do que establece o catálogo vixente. Estes profesionais encárganse de prestar apoio aos estudantes con necesidades especiais de atención educativa.

No actual catálogo recóllense os profesores que corresponden por número de alumnos nos centros escolares, se ben outra cousa distinta é o proceso de asignación de profesores provisionais para atender as necesidades concretas de cada colexio, que deben detectar os equipos de orientadores específicos de cada centro e trasladar ao departamento autonómico.

Cabe recordar que grazas a diversas medidas levadas a cabo pola Administración autonómica, como a aplicación do Decreto de Atención á Diversidade e unha xestión eficiente dos recursos docentes, garántase a atención ás alumnas e alumnos que máis o necesitan.