Martes 11 de Decembro de 2018

O Concello de Frades abre o prazo de inscrición na IV Carreira Pedestre Popular, que repartirá 1.225 euros e terá lugar o 13 de maio


As inscricións, gratuíta para escolares e 5 € para o resto de categorías, poden realizarse a través da web www.emesports.es ata o 11 de maio

O Concello de Frades convoca a cuarta edición da súa Carreira Pedestre Popular, que terá lugar durante a tarde do sábado 13 de maio e repartirá 1.225 euros en premios. A proba, organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo, terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha extensión de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta.

As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís –é dicir, de 17 ou menos anos) mentres que os demais atletas (júniors, promesas, sénior e veteranos) deberán achegar 5 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata as 23:59 horas do mércores 10 de maio (probas gratuítas) e ata o xoves 11 de maio (adultos).

Premios

O Concello de Frades destina un total de 1.225 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros) e para os tres mellores equipos tanto na categoría masculina como feminina (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus seis primeiros corredores en cruzar a liña de meta.

Ademais dos premios en metálicos, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais ao club-entidade-colexio que aporte máis corredores e trofeo para os tres primeiros clasificados/as empadroados en Frades. Así mesmo, o Concello de Frades entregará medallas a todos os participantes escolares.

Os equipos, clubs e centros que desexen optar aos premios en metálico, ademais de formalizar a inscrición de cada atleta na web www.emesports.es, deberán remitir un mail a FGAsantiago@gmail.co cos datos do club e co listado de atletas que participarán na proba selado pola Federación Galega de Atletismo, ou a delegación correspondente. Sen este mail non poderán optar aos premios en metálico.

Probas

A IV Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 17:00 horas na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 18:30 horas, percorrerá 8,6 quilómetros en ruta, que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun Chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, emprazada na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas a disposición de todos os atletas no polideportivo municipal.

As probas escolares darán comezo ás 17:00 horas coa categoría Pitufo (nados en 2013 e posteriores) que farán un percorrido de 300 metros (unha volta á praza). Ás 17:10 horas será a quenda dos prebenxamíns (nados entre 2010, 2011 e 2012), que percorrerán 500 metros. Os benxamíns (2009-2008) e alevíns (2006-2007) sairán ás 17:20 e ás 17:30 horas, respectivamente, para percorrer unha distancia de 800 metros. Ás 17:45 horas tomarán a saída dos infantís e as cadetes feminino (2002-2003-2004-2005), cun percorrido de dous quilómetros. Finalmente, os cadetes masculino e xuvenís (2000-2001-2002-2003) percorrerán 3 quilómetros ás 18:00 horas.

O Concello de Frades entregará medallas a todos os participantes escolares, de pitufo a cadete, así como unha camiseta conmemorativa a todos os participantes. Tamén haberá un avituallamento con froita e bebida ao remate da proba.

A IV Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Galega 100%, Cooperativa Leiteira de Frades, Feiraco, Infantilandia, Camba Distribuciones SL, Pepsico, Supermercado Claudio, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Froitería A Nova, Erimsa, Carreiras Galegas e Correr en Galicia.