Venres 23 de Febreiro de 2018

A Xunta de Galicia vela pola calidade nutricional e a seguridade alimentaria dos menús escolares dos centros da provincia


No pasado curso avaliáronse 98 centros da Coruña, o que supuxo unha especial vixilancia sobre os hábitos e o servizo que reciben preto de 19.000 alumnos

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, está a desenvolver os programas que velan polos aspectos nutricionais e a seguridade alimentaria dos menús servidos ós rapaces, tanto en colexios públicos como privados. A consellería traballa de xeito específico en dúas liñas de actuación: o programa de avaliación de menús escolares e o plan de vixilancia da seguridade alimentaria.

O programa de avaliación de menús escolares, enmarcado no Plan Xermola de prevención da obesidade infantil, responde á importancia do coidado da alimentación na infancia. Este programa contempla a análise nutricional, recomendacións de mellora individualizada para cada centro e a formación dos profesionais dos comedores escolares. O obxectivo é que os menús escolares cumpran as recomendacións alimentarias, manteñan o equilibrio nutricional en todos os produtos, analizando tamén a forma en que estes menús son preparados, e a adecuada información que sobre os menús ofrécese ás familias.

A tal fin as Consellerías de Sanidade e Educación editaron a Guía de Axuda para programar os menús escolares e realizaron 25 obradoiros teórico-prácticos para unha boa planificación dos menús escolares, distribuídos en catro localidades (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Vimianzo). Nestes obradoiros participaron 332 profesionais, entre persoal de cociña e responsables da planificación dos menús. A Conselleria de Sanidade desenvolve anualmente un programa de avaliación dos menús dos centros escolares de Galicia. Nela recóllese información sobre o número de racións semanais ofertadas dos distintos grupos de alimentos, tales como verduras, legumes, peixe, carne, ovos, lácteos, pasta, arroz, masas, patacas, alimentos precociñados ou froita.

Á vista da información recollida en cada centro, a Consellería de Sanidade envía a cada un dos centros as recomendacións que lles axudarán a mellorar a programación dos seus menús, axustándose aos criterios científicos de nutrición para a poboación escolar. Estas recomendacións concrétanse en sinalar a necesidade do aumento ou diminución das racións dentro de cada un dos grupos de alimento. Logo das recomendacións, a Consellería de Sanidade fai un seguimento dos menús de cada un dos centros.

Dentro deste programa de alimentación infantil, avalíase tamén a información que os centros escolares facilitan ás familias sobre o que comen diariamente os nenos no colexio. Esta información resulta especialmente importante para as decisións que tomen os pais á hora de complementar a alimentación dos seus fillos. Na provincia da Coruña no curso pasado o programa ten avaliado 98 centros escolares, dos que 59 son centros públicos e 39 son centros privados. Este programa ten supervisado os menús escolares de 18.986 alumnos, o que supón un 36% dos centros revisados en toda a Comunidade Autónoma (273).

Pola súa banda, o programa de Seguridade Alimentaria desenvólvese a través dos Servizos de Inspección de Saúde Pública e realiza o control hixiénico-sanitario dos produtos que se serven nos comedores escolares. Estes controis oficiais efectúanse periodicamente, sen previo aviso, e teñen a finalidade de comprobar o cumprimento dás normativas vixentes, co obxecto de previr, eliminar ou reducir a niveis aceptables os riscos asociados ao consumo de alimentos. A inspección realízase sobre os locais e instalacións, equipos, materias primas e produtos transformados, e materiais en contacto cos alimentos; ademais dos controis documentais, análises das materias primas e das comidas elaboradas e supervisión das prácticas de hixiene dos manipuladores.

O programa de inspección oficial nos comedores escolares que cociñan “in situ”, xa sexa con persoal propio ou con persoal dunha empresa allea, é a lo menos dunha inspección ó longo de cada curso escolar, ademais das visitas de comprobación de non conformidades. Naqueles centros que non dispoñen de cociña e reciben a comida dun catering autorizado, o control se realiza, coa periodicidade establecida no plan nacional de control da cadea alimentaria, na cociña central da empresa que elabora as comidas, a maiores o comedor escolar poda tamén ser sometido a visitas de control cando as autoridades o consideren necesario. Durante o curso 2015-2016, realizáronse 539 inspeccións en comedores escolares e 128 en cocinas centrais das empresas de catering.

Visita a Santa Comba
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o CEIP Barrié de la Maza, en Santa Comba, que participou en ambos os dous programas, obtendo resultados axustados á media da provincia. Rodeiro felicitou aos responsábeis do centro e lembrou que “un de cada tres nenos galegos ten obesidade ou sobrepeso”.

Destacou que a Xunta ten en marcha o Plan Xermola para a prevención da obesidade infantil, “que tenta dar resposta a esta ameaza para a saúde do futuro”. Convidou a todos –pais e educadores– a “diminuír a prevaleza da obesidade na poboación infantil e xuvenil da nosa comunidade”, mellorando o patrón alimentario e de actividade física.