Mércores 18 de Outubro de 2017

O concello de Riveira celebrará o Día do Libro repartindo máis de 300 volumes de distintos xéneros na Biblioteca Municipal


Dentro da campaña provincial “Libros sermos libres”

Con ocasión da celebración do Día do Libro (23 de abril), o Concello de Riveira vai conmemorar o sábado 22 esta efeméride co desenvolvemento da campaña “Libros sermos libres”, unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña na que 30 municipios emprenderán a liberación (reparto gratuíto á veciñanza) de libros de distintos xéneros.

No que atinxe ao municipio barbanzá, serán máis de 300 os libros que se van distribuír entre as persoas que se acheguen este sábado ás 12 do día á Biblioteca Municipal: 150 deles subministrados pola Deputación a cando menos outro tanto polo propio Concello. Haberá de poesía, prosa, teatro ou ensaio, dirixidos a distintos públicos.

Contacontos
A campaña coincidirá ademais cunha nova función de contacontos incardinada dentro do programa “Sábados de Conto na Biblioteca”. Nesta ocasión actuará “Luis Vallecillo” cun espectáculo infantil titulado “Cantamos un conto na Biblioteca”. Arrancará igualmente ás 12 do mediodía.