Venres 15 de Decembro de 2017

Conclúe a beirarrúa de 256 metros que mellora a seguridade viaria no entorno escolar do Instituto Leliadoura


O Concello recepcionou as obras, cunha inversión de 30.945 euros

O Concello de Riveira acaba de recepcionar as obras dirixidas á mellora da seguridade viaria na zona escolar de Frións, na parroquia de Carreira, a través da construción dun tramo de beirarrúa de 256 metros.

Esta actuación está adscrita ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) adicional 1/2015 da Deputación e foi executada por Construcciones Oñial, S.L. Supuxo un investimento de 30.945,75 euros, IVE incluído.

A zona de actuación está situada na estrada provincial DP-7301, no entorno do IES Leliadoura e da sede asociación Ambar, cuxa zona de tránsito para peóns presentaba unicamente un pavimento de terra coas molestias que isto ocasiona, especialmente en época de chuvias. Por tal motivo proxectouse reordenar a zona de paso dotándoo dunha beirarrúa a base de baldosa hidráulica de 33×33 centímetros de formigón en color gris. O ancho mínimo é de 1,50 metros e a lonxitude do tramo de 256 metros.

Pluviais
Ademais, construiuse unha nova rede de pluviais a través da instalación dunha tubaxe de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro, pozos de rexistro e arquetas sumidoiro ao longo do percorrido da beirarrúa e paralelo á mesma.