Domingo 30 de Abril de 2017

A subdirectora xeral de Arquivos recolleu hoxe material dixitalizado


Documentos do Arquivo Histórico Municipal de Riveira poderán ser consultados online a través da Biblioteca Dixital de Galicia
Moi pronto boa parte dos documentos custodiados no arquivo histórico do Concello van ser accesibles dende os seus fogares a través de Internet.

Neste senso, a subdirectora xeral de Arquivos da Xunta de Galicia, Marina García Pita, recibiu esta mañá de mans do alcalde Manuel Ruiz (tamén estaba o arquiveiro municipal José Antonio Otero), un disco duro que contén diversos documentos históricos que foron dixitalizados en dúas fases polo Concello de Riveira: entre eles, os Libros de Actas de entre 1862 e 1960; os padróns de habitantes de entre os anos 1862 e 1960; ou o curioso Libro Rexistro de Emigrantes de entre 1923 e 1937.

Estes documentos van ser albergados en Galiciana – Biblioteca Dixital de Galicia (www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es): un servizo público dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que ten como misión difundir e dar acceso ao patrimonio bibliográfico galego a través da Rede, amais de contribuír á súa preservación mediante a aplicación das TIC. A súa consulta libre e aberta en internet facilítalles ás persoas usuarias, en calquera momento e lugar, o acceso a fondos e coleccións bibliográficas de especial valor para Galicia.

A intención do Concello é dixitalizar máis contido e seguir engrosando así o material de interese accesible por calquera usuario a través dun clic, ao mesmo tempo que se axuda a preservar os documentos orixinais.

Deja un comentario