Luns 20 de Novembro de 2017

Máis de 150 persoas participan no Programa Municipal de Apoio á Inclusión Social


A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde presentou esta mañá o Programa Municipal de Apoio á Inclusión Social, acompañada de varias traballadoras do Departamento de Políticas Sociais responsables do programa. “Trátase dun instrumento para favorecer a inclusión activa das persoas participantes, a través de medidas orientadas a minguar factores de risco social, fomentar a autonomía persoal e facilitar a súa inserción social e laboral”, segundo explicou Concha Fernández.

A finalidade do programa pasa por facilitar o cumprimento dos itinerarios de integración social establecidos a persoas que se atopan en risco de exclusión social. Entre as cuestións máis relevantes, o Programa Municipal de Apoio á Inclusión Social busca promover a mellora das competencias persoais e as habilidades sociais da poboación atendida a través da participación en diferentes actividades vinculadas á vida cotiá. Busca tamén dar resposta ás necesidades educativas individualizadas de cada persoa participante, axudando na adquisición de coñecementos básicos así como a preparación no acceso a diferentes tipos de probas.

O programa está formado por tres eixes: a área pedagóxica, a de competencia persoal e unha área transversal de conciliación. “É o primeiro programa integral destas características que poñemos en marcha no Concello”, segundo apuntou a responsable do mesmo, Mónica Outón.

En total, 187 persoas solicitaron a súa participación no programa e 156 participan das accións formativas. Está previsto que se estenda ata xuño deste ano, con posibilidade de prórroga ata xuño do 2018. Na área pedagóxica existe ademais unha lista de agarda de 24 persoas, “o que amosa o éxito que está a ter esta iniciativa”. 30 persoas participan dos programas de ESO e acceso a ciclos outras 30 no de competencias, 24 no de alfabetización e 10 no de castelán e galego para persoas estranxeiras.

O Programa Municipal de Apoio á Inclusión Social conta ademais cunha serie de obradoiros e sesións monográficas impartidas por profesionais especializados sobre manexo de accidentes e resolución de conflitos laborais, sistema público de saúde, vías de formación e emprego, medicación ou certificados de profesionalidade.

Perfil
As persoas participantes son adultas, pertencentes a unidades familiares en risco de exclusión social, cun proxecto de intervención dos servizos sociais comunitarios e perceptoras dalgún tipo de prestación económica, sexa municipal ou autonómica. En particular, trátase de persoas que retornan ao sistema educativo, asistindo a clases de alfabetización ou educación de adultos, persoas inmigrantes con baixo coñecemento do galego e o castelán e persoas con necesidade de mellora das súas capacidades e destrezas individuais e sociais, necesarias para mellorar a súa autonomía.

O perfil de participantes é moi diverso, aínda que destacan as persoas de máis de 45 anos que volven a conectar co sistema educativo e as de 18 que desexan incorporarse a un programa de formación.

Programa de conciliación
Un dos programas máis relevantes desta iniciativa é o de conciliación, que permite crear unha área de xogos e lecer para os nenos e nenas poidan acompañar aos seus pais e nais. “Un dos problemas destes programas era precisamente a asistencia por parte das persoas adultas que non tiñan onde deixar as súas crianzas”, sinalou Mónica Outón. Por iso se crea un espazo específico para que as persoas participantes poidan acudir sen ningún problema.