Martes 27 de Xuño de 2017

III Parada Familiar de Xogos Tradicionais


O sábado 22 de abril, de 16:30 a 19:00 h. desenvolverase a terceira edición da Parada
Familiar de Xogos Tradicionais na Finca de A Cortiña.

Esta actividade está organizada polo CPI de San Sadurniño, e conta coa colaboración do Concello de San Sadurniño, da Asociación Veciñal Castelo de Narahío, a ANPA do CPI San Sadurniño e de Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional.

O obxectivo da mesma é ofrecer un espazo e tempo de lecer entre os diferentes membros da comunidade educativa empregando coma eixo vertebrador o xogo tradicional, e promover e poñer en valor o mesmo a través da práctica interxeracional.

A actividade non se atopa pechada aos membros da comunidade educativa do CPI San Sadurniño, polo que calquera persoa interesada en participar na mesma pode achegarse a desfrutar dos diferentes xogos a practicar.

En total serán once os xogos que estarán presentes: a ra, tirapedras, carrilanas, saltar á corda, o brilé, os tres pés, o aro, as bólas, carreira de sacos, a billarda e o pano. Así mesmo haberá un obradoiro de enredos, no cal poderán construírse pequenos enredos flotantes para despois probar a súa capacidade de flotación no río.

Ao remate, entre os asistentes que se inscriban ao longo da xornada, procederase a sortear camisetas conmemorativas do evento.

Pódese atopar toda a información da actividade no seu blog:
http://paradaxxttsansa.blogspot.com