Sábado 19 de Agosto de 2017

A Xunta avanza un paso máis no saneamento integral da Ría do Burgo co inicio das obras do tanque de tormentas de Santa Cruz


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio supervisou esta mañá o comezo dunha das dúas “actuacións de calado” pendentes por parte da Xunta, cun investimento de case 4 millóns de euros

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, explicou esta mañá que a Xunta de Galicia avanza un paso mais na mellora e saneamento integral da Ría do Burgo co inicio das obras do tanque de tormentas de Santa Cruz, no Concello de Oleiros.

A conselleira de Medio Ambiente supervisou hoxe o comezo dos traballos desta actuación, por un importe próximo aos 4 millóns de euros, que é unha das dúas actuacións “de calado” pendentes por parte da Xunta de Galicia para completar o saneamento desta ría, xunto coa obra de optimización dos bombeos de Temple e A Pasaxe, que implican un importe de máis de 2 millóns de euros.

Mato Otero indicou que as obras que comezan hoxe son un proxecto fundamental para a mellora das infraestrutras hidráulicas na contorna da ría do Burgo, que será beneficioso non só para os veciños de Oleiros, senón para todos os concellos que bañan este ría.

A actuación do tanque de tormentas substituirá ao actual bombeo, no cal descarga toda a rede de saneamento de santa Cruz, incluíndo as augas residuais procedentes dos núcleos de Mera e Canide. A obra, que contará cun 80% de cofinanciamento de fondos FEDER, contempla a execución das conducións, estruturas e instalacións necesarias para a construción do tanque; a mellora da rede de saneamento no entorno do parque Luis Seoane e conexión ao novo tanque; e a demolición do actual bombeo e reurbanización da zona.

O prazo de execución de obras é de 18 meses e os traballos finalizarán coa demolición do actual bombeo e a reurbanización da zona do parque afectada polas obras, explicou a conselleria de Medio Ambiente.

Mato destacou que a ría do Burgo é unha “prioridade estratéxica” para a Xunta de Galicia, que ten investido 100 millóns de euros no seu saneamento durante os últimos 15 anos. Este esforzo xa ten incidido na mellora das súas augas, pero a conselleira precisou que o Goberno galego “non se conforma, nin moito menos, e quere seguir traballando”. De aí que se elaborara o Plan de saneamento local para O Burgo, no que se identificaron as actuacións prioritarias.

Compromiso co saneamento
As actuacións encamiñadas a mellorar o estado da ría do Burgo inscríbense no compromiso da Xunta co saneamento das masas de auga da comunidade e, moi especialmente, das rías galegas. Galicia conta desde 2015 cun Plan Hidrolóxico co que se quere conseguir que en 2021 o 98% das masas de auga sexan de calidade óptima e que no 2027 esa porcentaxe alcance o 100%.

Para acadar este reto, nos próximos catro anos completarase o saneamento integral das rías galegas, co obxectivo de que no horizonte 2020 se conclúa toda a planificación do saneamento e a maior parte das infraestruturas estarán executadas ou en servizo.

Para sanear as rías é necesariaro destinar un total de 131 millóns dos 655 que compoñen o orzamento total do Plan Hidrolóxico da Demarcación Galicia Costa, dos cales 423 corresponden á Xunta, que tamén xestionará a achega de fondos europeos de máis de 115 millóns ata 2020.