Domingo 23 de Abril de 2017

A Xunta emite o informe favorable á modificación puntual do PXOM da Coruña para a ampliación do campo de fútbol de Eirís e da Fábrica de Cervexa ‘Estrella Galicia’


Esta modificación puntual do plan xeral da Coruña prevé aumentar en máis de 3.000 m2 os espazos libres públicos

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio informa favorablemente a aprobación definitiva da Modifiación Puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello da Coruña, que permite a ampliación do Campo de Fútbol de Eirís e da fábrica de cervexa Estrella Galicia.

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo vén de informar ao Concello da Coruña da emisión do informe favorable desta modificación puntual que ten dúas finalidades. Por unha banda, ampliar e mellorar a oferta dos equipamentos deportivos existentes, garantindo a súa distribución equilibrada no territorio municipal e por outro lado, permitir o desenvolvemento de actividades industriais-terciarias, que contribúan a potenciar o sector produtivo, para posibilitar a ampliación da fábrica de cervexas de Hijos de Rivera S.A.U.

Esta modificación do plan xeral de ordenación municipal da Coruña, aprobado en febreiro de 2013, prevé aumentar en máis de 3.000 m2 os espazos libres públicos, polo que as razóns de interese público están xustificadas,coa creación de solo para usos produtivos en solo urbanizado existente e unha adecuada ordenación dos equipamentos deportivos municipais.

Así, tras a presentación completa da documentación completa da modificación puntual, o pasado 23 de marzo, que foi aprobada provisionalmente no pleno do 6 de marzo de 2017; a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio traslada o informe favorable á mesma.

Cómpre lembrar que para a súa aprobación foi necesario a presentación de informes sectoriais autonómicos (do Instituto de Estudos do Territorio, Augas de Galicia, da Dirección xeral de Patrimonio Cultural, e da Subdirección xeral de Planificación e Protección Civil), e de organismos non autonómicos (Demarcación de Estradas do Estado ou da Dirección Xeral de Aviación Civil), así como dar audiencia aos concellos limítrofes (Arteixo, Culleredo e Oleiros).

Deja un comentario