Domingo 23 de Abril de 2017

Fene participa este sábado na “Primavera no Camiño Inglés” que se celebra en Betanzos para promocionar esta ruta xacobea


A Deputación da Coruña converterá Betanzos no epicentro do Camiño Inglés coa celebración dunha feira que reunirá, por primeira vez, aos dezaoito concellos coruñeses polos que pasa este itinerario xacobeo, entre eles o de Fene. O evento, que terá lugar este sábado, 22 de abril, na praza Irmáns García Naveira, enmárcase na campaña “Primavera no Camiño Inglés” coa que se busca divulgar os múltiples atractivos etnográficos, culturais e naturais cos que conta esta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.

Unha gran senda verde atravesará o centro da praza betanceira, indicando a zona pola que discorre o Camiño cara a Santiago. Nos seus laterais, dúas carpas de máis de 160 metros cadrados acollerán os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística, cultural e gastronómica con distintas actividades.

Gastronomía, música e danza
Na carpa central, desenvolveranse ao longo da xornada sesións de showcooking en vivo e degustacións de produtos típicos de distintos puntos da provincia da Coruña como a tortilla de Betanzos, as troitas de Oroso, o pan de Carral, a empanada de Neda, o queique de Ordes, a proia de Pontedeume ou o viño Branco Lexítimo da comarca de Betanzos, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido gastronómico cos sabores máis característicos do Camiño Inglés.
O evento contará tamén con actuacións de música e danza tradicional a cargo das agrupacións “Airiños” de Fene, “O Castro” de Miño, “Lucero del Alba” de Neda, “Ancoradoira” de Culleredo, “Arnela” de Carral e “Airiños do Frade” de Cabanas, entre outras; así como demostracións de artesanía en vivo como as que desenvolverán as fiandeiras de Cabanas ou os ourives de Santiago de Compostela.

Deja un comentario