Sábado 27 de Maio de 2017

O Concello de San Sadurniño recibe 27 solicitudes de praza para o curso que vén da EIM A Rolada


O centro aínda dispón de 11 prazas libres
O Concello acaba de resolver inicialmente as solicitudes de praza na escola infantil municipal A Rolada de cara ao curso 2017-2018. De feito, o listado co alumnado admitido, as xornadas e os servizos solicitados xa está dispoñible para consulta no tablón de anuncios, nas instalacións da escola e no departamento de Igualdade. Aceptáronse todas as peticións, de maneira que ao centro acudirán o ano que vén un total de 27 criaturas, das que 13 se corresponden con reservas de praza e 14 son novas admisións, tanto de San Sadurniño como doutros municipios da contorna que ou ben non dispoñen deste servizo ou ben non contan con prazas públicas suficientes para atender a demanda.

Todas as solicitudes presentadas neste procedemento foron resoltas favorablemente, quedando distribuídas do seguinte xeito en cada unidade educativa: en 0-1 cubríronse 2 prazas, en 1 a 2 haberá 12 meniños e meniñas e na unidade de 2 a 3 anos o centro atenderá 13 criaturas.

De novo confírmase que A Rolada é referente de conciliación en San Sadurniño e nos arredores xa que 12 das solicitudes pertencen a familias de aquí, 6 proveñen de Narón, 3 de Valdoviño, 2 das Somozas e as restantes corresponden con peticións para criaturas de Moeche, Ferrol, Neda e Cerdido

Atendendo á capacidade da EIM -38 prazas- desde a área de Igualdade apuntan que quedarían 11 prazas vacantes para o próximo curso: 6 na unidade de 0 a 1 ano, 1 na unidade de 1 a 2 anos e 4 na de 2 a 3. Prazas que se poderán cubrir a partir de agora solicitándoas en calquera momento, tal e como se sinala no regulamento de funcionamento do centro.

A resolución provisional das solicitudes publicouse esta mañá nos tablóns de anuncios da escola e do Concello dando conta do alumnado admitido e dos horarios e servizos elixidos. Agora ábrese un prazo regulamentario de 10 días para que as familias comproben que toda a información é correcta e para que, de ser o caso, presenten as reclamacións que estimen oportunas. Pasado ese tempo reunirase a comisión de avaliación e seguimento da escola co obxectivo de analizar e resolver as alegacións se é que as hai e, se non, o contido do listado quedará aprobado automaticamente.

Unha vez que a lista de admisións sexa definitiva notificaráselles ás familias por correo. Tan pronto como reciban esa notificación empezaralles a contar un novo período de 15 días para que formalicen a matrícula.