Mércores 24 de Xullo de 2019

O concello investirá máis de 90.000 euros en pavimentar a rúa Faxinde e un camiño transversal en Areeiros (Castiñeiras)


Unha vez aprobado o expediente de contratación, o Concello de Riveira está a piques de sacar a licitación unha nova actuación consistente na pavimentación de dous viais situados na parroquia de Castiñeiras: a rúa Faxinde e un camiño transversal en Areeiros.

O orzamento desta obra ascende a 93.391 euros e o prazo de execución, dous meses. A iniciativa forma parte do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña.

A día de hoxe o tramo central do firme da Rúa Faxinde, de aglomerado asfáltico, está en mal estado; mentres que en ambas marxes contén un pavimento de terra natural con vexetación que invade o camiño. Polo que respecta ao camiño de Areeiros, a súa calzada é de triple rego asfáltico.

En ambas vías precísase mellorar a súa superficie e ampliar o ancho de rodadura, razón pola cal elaborouse un proxecto técnico que prevé a escavación en desmonte na zona dos sobreanchos para ampliar a plataforma de rodadura; o aporte de material de recheo; a formación de cunetas; o acondicionamento da superficie a pavimentar e a extensión no pavimento dunha capa de mestura bituminosa en quente. Ademais, as entradas de acceso ás vivendas existentes serán melloradas, colocando ademais tubaxes “salvacunetas” alí onde sexa preciso.