Sábado 18 de Agosto de 2018

A Xunta facilitará este ano o acceso a redes de ata 350mbps ao polígono industrial Arco Iris de Sada


O Plan de Banda Larga, impulsado pola Amtega, xa activou o servizo noutros seis parques empresariais da provincia en 2016 e chegará a nove máis en 2018
O Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia e o operador galego R facilitarán este ano o acceso a internet con velocidades de ata 350 Mbps ao polígono empresarial Arco Iris de Sada.

Con esta actuación, as empresas da superficie empresarial Arco Iris, no término municipal de Sada, poderán contratar servizos de internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80%, sen límite de descargas.

Ademais, R pon a disposición das empresas do polígono a tecnoloxía necesaria para que poidan acometer a súa transformación dixital. Nesta liña están os servizos e solucións na nube, a videoconferencia ou a posibilidade de usar os seus equipamentos e o software como servizo pagando só polo uso que deles fan, sen necesidade de investir. Outra opción na man destas empresas é o acceso aos servizos do chamado Internet das Cousas (I o T) e da industria 4.0, relacionados coa eficiencia enerxética, control de intrusións nas edificacións, servidores virtuais e analítica de datos (big data), entre outros.

Estas solucións intégranse en centros de datos profesionais, coma se formasen parte da rede local da empresa. Proximidade, polo tanto, e tamén flexibilidade para adaptarse ás necesidades dos negocios en cada momento.

En 2016 completouse o despregamento en seis polígonos da provincia da Coruña. En 2017 cubriranse outros dez e en 2018 os nove restantes previstos no Plan. Estes investimentos cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.