Luns 09 de Decembro de 2019

Catro doutores amantes da pintura exhibirán as súas creacións na exposición conxunta “Catro médicos por Riveira”


A mostra será inaugurada este venres 5 ás 21 horas

O Centro Cultural Lustres Rivas vai ser escenario a partir deste venres 5 de maio dunha nova exposición titulada “Catro médicos por Riveira”.

A mostra é unha combinación artística resultado da simbiose das creacións de diversas técnicas e formatos realizadas por catro doutores afeccionados á pintura: Pablo Gallego, Tino Cuesta, Leopoldo García e Xesús Vázquez.

Tras o seu paso por distintos lugares de Galicia como Lalín, O Saviñao e Vilalba, chega á nosa cidade coa intención de dar a coñecer a súa creatividade na comarca de Barbanza. Estará aberta ata o vindeiro 27 de maio co horario de visitas habitual: de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas. A entrada é gratuíta.

O acto inaugural terá lugar este venres 5 ás 21 horas.

Biografías dos artistas

Xesús Vázquez Gallego
Membro da entidade “Colectivo Médicos Artistas Plásticos de Galicia”, inicia a súa actividade artística con exposicións individuais e colectivas por todo o territorio nacional e incluso no extranxeiro; Santiago, A Coruña, Sarria, Carballiño, Roquetas de Mar, Barcelona, Marbella, Las Palmas e incluso Agadir en Marrocos, son algúns dos lugares onde se puido disfrutar das súas creacións dende o 2007.
Ten participado en feiras de arte, concursos e encontros así como exhibido a súa obra en centros públicos e galerías comerciais.

Pablo Galego Feal
A mediados dos anos oitenta comeza a súa actividade pictórica realizando oito exposicións individuais e catro colectivas ata 1998, dende esa data, esporadicamente retoma os pinceis. Emprega fundamentalmente a técnica de acrílico inmerso no mundo da abstracción e o expresionismo.
Escritor de relatos e poesía dende a súa mocidade, recibe unha mención de honra nos Premios Relatos de Humor e en 2005 publica a novela curta “La isla entera”.
É membro da Sociedade Artística Ferrolana. En 2008 retoma a súa actividade creadora formando parte da entidade “Colectivo Médicos Artistas Plásticos de Galicia” e expón en Santiago, A Coruña, Ribadavia, Carballiño, O Rosal, Lalín, Palas de Rei, Ourense… entre outros lugares.

Leopoldo García Méndez
Ao igual que os anteriores, pertence tamén á asociación “Colectivo Médicos Artistas Plásticos de Galicia”. Comeza a pintar fai pouco máis dunha década e expón as súas obras en distintas vilas e cidades como Vilalba, Lalín, Vigo, A Guarda, Nigrán, Gondomar, Ribadavia ou San Fernando de Henares entre outras.
Mostras individuais ou colectivas que o levan a expoñer por toda a xeografía nacional así como á participación e intercambios artísticos en diversos eidos culturais e recreativos.

Constantino Cuesta
Natural de Baracaldo e residente en Oroso é autodidacta na súa formación artística; ao comezo realizaba modelado de barro e talla de madeira, pasando recementeá pintura baixo a técnica do óleo sobre lenzo, táboa ou outros materiais. Concibe a súa arte como escenas sociais en continuo movemento, onde o ser humano e as súas paixóns ocupan o maior protagonismo cunha tendencia cubista e as veces simbólica que fan necesaria a reflexión para asimilar algunha das súas obras.
Afeccionado á literatura, na actualidade está rematando a súa cuarta novela tras ter publicado “Herdeiros da Miseria” en 2012 e “Soñadores sinporvenir” en 2013.
Participou en numerosas exposicións, case todas colectivas, en diversas vilas e cidades como Santiago, Lugo, Brión, Pontevedra, Chaves, Figueira da Foz, Braga, Madrid ou Roma entre outras; realizou a súa primeira e única mostra individual, ata o momento, en Oroso.