Luns 19 de Novembro de 2018

O delegado da Xunta clausura en Melide o programa preventivo “Clases sen fume”, dirixido a escolares de entre 12 e 14 anos


Todos os participantes, alumnos e mestres, comprométense a manterse sen fumar durante un período seis meses, mentres traballan no fomento de hábitos saudables

A Consellería de Sanidade, en colaboración coa Consellería de Educación está a desenvolver nos centros escolares o concurso Clases sen fume, no marco do Programa de Promoción da vida sen tabaco. Trátase dunha actividade dirixida a escolares do primeiro ciclo de Educación Secundaria (mozos e mozas de 12 a 14 anos de idade) que ten como fin último o obxectivo de previr o inicio do consumo de tabaco.

O programa busca o compromiso individual e de toda a clase –alumnos e titores- de manterse sen fumar durante seis meses consecutivos durante o curso escolar, dende o 1 de novembro ata o 30 de abril. Neste tempo os escolares traballan as unidades didácticas relacionadas co tabaco e a saúde e desenvolven diversas actividades. En concreto, os rapaces elaboran un lema con representación gráfica.

Na provincia da Coruña no curso 2016-2017 participaron 22 aulas e 435 escolares de centros de Abegondo, Arzúa, Carral, Carballo, Cerceda, Melide e Negreira. Dende o inicio do programa, no ano 2001, teñen participado 845 aulas e preto de 18.000 escolares. As actividades refórzanse con visitas e charlas nas aulas, cooximetrías (medicións do monóxido de carbono no aire expirado) e resólvense as dúbidas dos escolares.

O IES de Melide foi escollido para albergar o acto de clausura de esta 15ª edición por ser o centro con maior participación de aulas neste curso escolar, non só na provincia da Coruña senón tamén de toda Galicia, cun total de nove aulas e 158 escolares de primeiro e segundo da ESO. Este centro participou en oito edicións, gañando un accésit a mellor actividade creativa no curso 2013-2014 e o premio Fogares sen fume no curso 2014-2015.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, presidiu o acto, acompañado pola alcaldesa, Dalia García, a xefa territorial da Consellería de Sanidade e o director do centro. Ovidio Rodeiro destacou “o traballo, colaboración e implicación da comunidade educativa e do equipo directivo, titores e coordinadores das aulas sen fume e, de forma especial, de todos os alumnos e alumnas participantes”.