Martes 02 de Marzo de 2021

O Boudsport proclámase subcampión no Campionato Provincial de Combate en Idade Escolar de Taekwondo


Todos os participantes locais ocuparon posición no podio clasificándose así para as probas autonómicas que terán lugar a finais de mes en Noia

O club de taekwondo Boudsport de Ordes proclamouse subcampión na proba xeral por equipos no Campionato Provincial de Combate en Idade Escolar, no que participaron unha ducia de equipos. O Natural Sport de Ribeira proclamouse campión desta proba, englobada no programa Xogade da Xunta de Galicia, mentres que o Maniotas de Noia rematou en terceiro posto. Os de Ordes tamén acadaron o segundo posto por equipos na categoría feminina e foron terceiros na masculina.

Os quince competidores do club ordense conseguiron subir ao podio nas súas respectivas categorías, logrando así clasificación para a fase autonómica, a cal terá lugar en Noia a final de mes.

No día de onte os ouros foron para: Mateo Boudjenane, Christian Loureiro, Javier Varela, Abril Viqueira e Andrea Caneda. Recibiron pratas: Pablo Liñares, Claudia Diéguez e Olaya Blanco. As medallas de ouro recaeron en: Iago Muíño, Diego Varela, Diego García, Alejandro Sánchez, Alba Rosende, Alonso Rodríguez e Sara Soneira.

A edil de Deportes, Ana Soneira, foi a encargada de entregar as medallas e trofeos a todos os gañadores e gañadoras.