Venres 16 de Abril de 2021

O Concello de Fene avanza na execución das obras incluídas no PAI 2016


O Plan de Aforro e Investimento foi un programa iniciado pola Deputación no ano 2015 e continuado no 2016 para facilitarlles aos municipios créditos a baixo xuro cos que cubrir débeda ou facer investimentos. A Fene correspondéronlle 221.000 euros que o Concello destinou nun 90% a tres proxectos de obra: o arranxo do Camiño do Catalán, a mellora do firme na estrada que cruza o núcleo de Lubián e un paquete de varias actuacións na zona do casco urbano, en Sillobre e en Barallobre. O Camiño do Catalán está listo desde hai varias semanas e os outros dous proxectos arrancaron hai uns días.

O traballo en Lubián céntrase no reforzo do firme en 630 metros da pista que cruza este lugar de Sillobre, pero tamén no acondicionamento das cunetas. Ata o momento limpáronse as beiras da estrada, canalizouse un acuífero situado máis ou menos á metade do tramo que se está reparando e fíxose o rebacheo previo á cobertura cunha nova capa de rodadura aglomerada.

Esta obra, que saiu a contratación en cerca de 60.000 euros, recolle no proxecto fundir con cemento parte das cunetas e a construción dun muro de reforzo no mesmo lugar onde se entubou a auga.

Outro dos proxectos incluidos no PAI que xa está en marcha é o denominado «Pavimentación nos camiños da Revolta a Formosende (Fene), rúa Río Cádavo (Perlio), de Castro dende os Loureiros (Barallobre) e Valadoiro e Valado (Sillobre)». Como se deduce deste título, trátase dun paquete que inclúe catro obras, licitadas en preto de 48.000 euros e adxudicadas finalmente en algo máis de 26.000 á empresa Lancer Proyectos y Obras S.A.

Os catro tramos suman máis de quilómetro e medio da rede viaria municipal e en todos eles se fará un labor de rebacheo e posterior sustitución da capa de asfalto, ademais da limpeza das cunetas.

No caso de Fene prevese reparar o camiño da Revolta a Formosende. Unha vía en “Y” de 500 metros que conecta a Revolta con Sixto Mauriz e coa N-651 xusto fronte á estación de servizo da Porta do Sol.

As que xa se están executando son as obras de Perlío -ao longo da rúa Río Cádavo- divididas á súa vez en dous tramos, un duns 80m. paralelo ao aparcadoiro da CCRD Perlío -entre Eduardo Neira e o cruce de Cardoeiro- e outro cercano aos 90 metros situado na parte baixa da rúa, preto xa da costa das Chancas.

Fóra do casco urbano hai programadas outras dúas obras. Unha delas, a denominada no proxecto “Camiño do Valadoiro e Valado-Sillobre”, repasará a costa dos Regueiros, o camiño Río de Sa e tamén o do Río Valado. Son máis de 800 metros de pistas aos que se sumarán outros 100 correspondentes á reparación dun tramo da rúa Beiramar, en Barallobre, na súa confluencia co camiño dos Loureiros.