Venres 28 de Xullo de 2017

Un recital dramatizado do noiés Serafín Marco sobre textos de Carlos Casares abre a XXVII Feira do Libro do Concello de Brión


O artista noiés Serafín Marco abriu onte luns o programa da XXVII Feira do Libro de Brión cun recital dramatizado sobre textos de Carlos Casares dirixida a máis de medio cento de rapaces e rapazas de primeiro ciclo de Secundaria do IES Brión. Unha divertida representación realizada no centro social polivalente brionés na que Serafín Marco volveu a converterse un ano máis no autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas.

Nesta ocasión, o artista noiés ofreceu un percorrido pola vida de Carlos Casares a través de varios textos das súas obras. Un recital no que Marco se caracteriza de distintas personaxes relacionados coa vida do escritor ourensán para chamar a atención dos mozos e mozas, como un arcebispo que fai referencia á gran cantidade de familiares de Casares pertencentes ao clero.

Esta actuación abre o programa da XXVII Feira do Libro de Brión, que inclúe unha ducia de actividades gratuítas para conmemorar o mes das Letras Galegas 2017. A próxima cita será este venres 12 de maio, ás 18:00 horas, cunha sesión de contacontos aberta ao público en xeral e dirixida a un público infantil de 3 a 9 anos en particular. Despois do éxito da primeira sesión con “Contos de Inverno”, a muradán Celtia Figueiras representará “Contos de Primavera” na sala de exposicións de Brión.