Martes 02 de Marzo de 2021

O vindeiro 30 de maio termina o prazo de presentación de orixinais para os Premios Curuxa do Humor 2017


O concurso de humor gráfico, organizado pola Concellería de Cultura de Fene, repartirá nesta edición 5000 € en premios

Os debuxantes interesados en presentarse a esta nova edición dos Premios Curuxas, poderán presentar ou enviar as súas obras antes das 23.59 horas do vindeiro 30 de maio de 2017 ao Rexistro Xeral do Concello de Fene (Praza do alcalde Ramón Souto González, s/n, 15.500 Fene, A Coruña). As obras, de temática libre, deberán ser de creación propia e inéditas. Presentaranse en formato papel e cunha dimensión máxima de 29.7×42 cm (A3), mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente. Non se admitirán fotocopias nin gravados.

Os Curuxa do Humor 2017 establecen novamente dúas categorías, unha para maiores de 25 anos (Curuxa) e outra para menores desa idade (Curuxa Nova). Aínda así, os novos talentos tamén poderán participar nos Curuxa, renunciando desta maneira a facelo na categoría dirixida á mocidade.

En canto aos premios, contémplanse dous en cada categoría: 2.000 euros e diploma para quen gañe o Curuxa e 1.500 e diploma para o segundo premio, namentres que na categoría Curuxa Nova o gañador ou gañadora levará 1.000 euros con diploma e a segunda mellor obra recibirá, ademais do diploma, 500 euros.

Os traballos poderán estar redactados en galego ou en calquera das linguas oficiais do Estado (debendo achegar neste caso o/a autor/a, xunto coa documentación requerida nas bases, a tradución ao galego do texto). Tamén se admitirán traballos de humor mudo.

Os debuxos a concurso non poderán estar asinados (o feito de viren asinados será motivo de exclusión). Ademais, levarán no reverso e a lapis, o nº de DNI do autor/a e o lema ou seudónimo co que se presenta ao concurso.

As obras enviaranse en paquete/sobre sen remite e facendo constar no exterior “Para o concurso de humor gráfico Curuxa 2017”, amais da categoría na que concursa. No interior deste primeiro sobre irá a obra e un segundo sobre máis pequeno tamén pechado (plica) no que se especificará a categoría na que concursa (Curuxa Gráfica ou Curuxa Nova), o título da obra e o lema/pseudónimo co que participa. No interior deste

segundo sobre (plica) incluirase a ficha de inscrición cos datos persoais cubertos, unha declaración responsable expresa de que a obra é da súa autoría, inédita e orixinal e unha copia do Dni. No caso dos concursantes menores de idade, amais desta documentación xeral, deberán aportar unha fotocopia do Dni do pai/nai/titor legal así como a súa autorización escrita para participar no concurso.

Rematado o prazo de presentación de orixinais, o fallo do Xurado deste XXI Concurso “Curuxa do Humor” darase a coñecer nun prazo máximo de dous meses. Formarán parte do xurado o alcalde de Fene, o concelleiro de Cultura, a coordenadora do Museo do Humor e tres humoristas gráficos ou expertos en humor gráfico nomeados pola Alcaldía.

Segundo se establece nas bases, as persoas que resulten premiadas “comprométense a recoller o premio na gala que a estes efectos programe o Museo do Humor no último trimestre de 2017.

Os premios Curuxa do Humor convocáronse por primeira vez en 1985 e celebráronse de forma ininterrompida até o ano 2007. En 2015 o Concello de Fene recuperou o certame co gallo do 30º aniversario do Museo do Humor e co obxectivo renovado de premiar o mellor humor gráfico do momento, ademais de dotar ao propio museo dunha maior proxección pública dentro e fóra de Galicia.