Xoves 17 de Xaneiro de 2019

A Xunta habilita un punto de auga para abastecer con ata 192.000 litros a aéronaves e motobombas de loita contra o lume


No dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais están despregadas, a día de hoxe, 3.000 persoas, preto de 600 na provincia da Coruña

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de construír no concello de Vilarmaior un punto de abastecemento de auga para a súa utilización polos medios de prevención e defensa contra incendios forestais. A obra foi posible grazas á colaboración do propio municipio e dos veciños, que cederon os terreos necesarios para esta infraestrutura.

O depósito de auga, que está situado na beira da estrada AC-151 ao seu paso pola parroquia de Grandal, conta cunha capacidade de 192.000 litros de auga e poderá ser utilizado tanto por helicópteros como motobombas e cisternas. O seu radio de acción posibilita que se cubra a superficie deste municipio, a dos concellos lindeiros e mesmo o sector oeste do Parque Natural das Fragas do Eume.

Vilarmaior está situado no Distrito Forestal II da Coruña, que tamén abrangue os concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Malpica, Coristanco, Carballo, Laracha, Arteixo, Culleredo, Carral, A Coruña, Oleiros, Sada, Cambre, Abegondo, Bergondo, Oza-Cesuras, Betanzos, Coirós, Paderne, Miño, Irixoa, Aranga, Curtis e Vilasantar.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe a instalación e aproveitou para lembrar que desde o pasado día 9 está permitido de novo tramitar permisos para facer queimas. As comunicacións e solicitudes de autorización débense facer a través do teléfono 012, do centro de atención aos cidadáns da Xunta de Galicia. Quen desexe queimar restos agrícolas amoreados nas zonas que determina a lei nos períodos habilitados deberá comunicalo dous días antes. No caso de queimas de restos forestais amoreados, deberase solicitar unha autorización debido ao risco da actuación, sendo maior o proceso de tramitación. En todo caso, Rodeiro insistiu en que as autorizacións e comunicacións deixan de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.

O delegado territorial pediu a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, chamando ao número de teléfono 085. Por último, Ovidio Rodeiro tamén destacou que nestes intres no dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais xa están despregadas en Galicia 3.000 persoas, preto de 600 delas na provincia da Coruña.