Mércores 22 de Novembro de 2017

Un total de 38 empresas presentan as súas ofertas para a execución das obras da senda entre Gundín e a urbanización Monte Devesa, en Brión, cun investimento duns 330000 euros


Esta actuación, que comezará no verán, permitirá que os veciños de Brión teñan un itinerario peonil continuo á beira da estrada, desde Gundín ata Bertamiráns

Un total de 38 empresas presentaron as súas ofertas para a execución das obras da senda que se vai construír na estrada Santiago- Noia (AC-543), no treito entre Gundín e a urbanización Monte Devesa, en Aldea de Buio, no Concello de Brión.

Estas actuacións, que contarán cun investimento por parte da Xunta superior aos 330000 euros, comezarán este verán. Unha vez que estea finalizada, os veciños de Brión terán un itinerario peonil continuo á beira da estrada, desde Gundín ata Bertamiráns.

Estas obras, que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Trátase dunha actuación moi importante para os veciños, xa que facilitará os seus percorridos cotiás, a pé ou en bicicleta. Esta nova infraestrutura busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo entre os cidadáns modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

Esta senda peonil e ciclista executarase pola marxe dereita da estrada ao longo de 700 metros, conectando as beirarrúas existentes en Aldea de Buio coas de Gundín. O ancho mínimo será de 1,8 metros e estará separada da calzada por unha zona axardinada de bastante amplitude, case un metro, ademais dos bordos delimitadores.

Tamén se levarán a cabo obras complementarias, como a construción de dous muros de contención e a instalación de redes para as augas de drenaxe e tubaxes en previsión de futuras canalizacións de telefonía ou electricidade.

Estes itinerarios enmárcanse no Plan de sendas de Galicia que, nunha primeira fase, para a comarca de Santiago recolle a construción de 15 km de sendas que suporán un investimento da Xunta de 3,7 millóns de euros.

No marco deste plan, a Xunta está a construír nesta mesma estrada (AC-543), unha senda entre Vidán e Laraño, que está moi avanzada, polo que os veciños poderán contar xa esta primavera cun itinerario sostible e seguro para realizar os seus desprazamentos a pé entre estes núcleos e Santiago.

O Goberno galego está a desenvolver outros dous treitos de senda para completar o itinerario para peóns e ciclistas desde Laraño ata Aldea Nova: Barcia-Roxos e Roxos-Aldea Nova, cuxos proxectos están pendentes de aprobación definitiva.