Sábado 27 de Maio de 2017

Máis de medio milleiro de nenos e nenas de Brión homenaxean a Carlos Casares na Carballeira de Santa Minia


José Luís García agradeceu o traballo de nenos e profesores para “como dicía Casares, defender esta lingua con todas as nosas forzas”

Máis de medio milleiro de nenos e nenas de Brión e preto de cen adultos participaron esta mañá na Festa das Letras na Carballeira, un evento organizado polo Concello de Brión para conmemorar o Día das Letras Galegas e que está incluído no programa da XXVII Feira do Libro. Unha actividade na que participaron nenos e nenas do CEIP de Pedrouzos e das escolas unitarias de Luaña, Bastavales e Os Ánxeles, xa que a última hora non se sumou o alumnado do IES de Brión.

Ao coincidir a festa co día de mercado, as actuacións trasladáronse do Palco da Música a un escenario emprazado ante a biblioteca municipal. O alcalde de Brión, José Luís García, foi o encargado de dar a benvida aos pequenos, a quen lles explicou que o obxectivo desta festa e da XXVII Feira do Libro “é dobre: por unha banda queremos que afondedes cos vosos mestres no coñecemento da obra do autor ao que se dedica o Día das Letras Galegas e, por outra, que así nos axudedes a transmitir ese coñecemento ás vosas familias e a todos os que hoxe nos acompañan aquí”.

García citou a Carlos Casares ao dicir que “os que fan da defensa da lingua unha cousa antipática, inaceptable e violenta xeran rexeitamento” e puxo ao Concello de Brión como bo exemplo da defensa do idioma, “polo que o ano pasado recibimos o Premio Lois Pena Novo”. Un premio que Brión gañou, entre outras cousas, pola súa aposta pola cultura e as actividades como as incluídas na XXVII Feira do Libro. “E como todos vós participades nel, este premio tamén é voso”, explicou José Luís García, quen rematou convidando ao todos a “como dicía Carlos Casares, defender esta lingua con todas as nosas forzas e todos os nosos coñecementos”.

Actuacíons

Durante case dúas horas, os máis de cincocentos nenos e nenas que ateigaron a Carballeira de Santa Minia fixeron un repaso pola obra de Carlos Casares a través dos seus personaxes e os seus libros. Todo presidido por unha gran figura da Galiña Azul, como bandeira de tolerancia e do respecto pola diferencia.

Polo escenario da Carballeira de Santa Minia pasaron o alumnado de Quinto de Primaria do CEIP de Pedrouzos, que interpretaron un popurrí de cancións populares acompañados por instrumentos feitos por eles mesmos con materiais de refugallo. Tomaron o relevo os nenos e nenas do Grupo Folclórico das Escolas Municipais de Danza de Brión, que presentaron “A muiñeira de Olas”, mentres que as súas compañeiras do Grupo de Pandereteiras interpretaron “Canto de traballo e polca de Brión”.

A continuación o alumnado de Infantil do CEIP de Pedrouzos cantou “A primavera”, de Mamá Cabra, seguidos dunha nova actuación de compoñentes das Escolas Municipais de Danza de Brión, que cantaron “O piollo e a pulga” e bailaron a “Muiñeira de Leira” (Ordes). Un grupo de mestres do colexio, que conformou un pequeno grupo musical chamado “Airiños de Pedrouzos”, tomou o relevo dos pequenos para interpretar varias pezas populares (muiñeira, pasodobres e xotas).

Para rematar, o Grupo de Pandereteiras volveu actuar interpretando “A muiñeira de Yirarga”, mentres que o Grupo de Baile se despediu coa “Muiñeira de Oirós”. O alumnado de quinto e sexto de Primaria, seguido por todos os presentes, se encargaron de pechar o acto coa interpretación do himno galego.

Deja un comentario