Mércores 12 de Decembro de 2018

A Deputación achegará preto de 260.000 euros para reformar o pavillón de a Malata e o xardín educativo de Aquaciencia en Ferrol


Esta achega permitirá reformar a cuberta das instalacións polideportivas, así coma a estrutura do edificio e as cristaleiras

O presidente da Deputación, Diego Calvo, visitou o pavillón polideportivo da Malata para asinar un convenio de colaboración co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. A través deste acordo a Deputación achegará 256.512,63 euros ao concello para a conservación de instalacións lúdico deportivas de Ferrol.

Tras a firma do convenio, Diego Calvo sinalou que “non era normal que unha cidade coma Ferrol tivese unhas instalacións con estes problemas hoxe en día”. Por iso, indicou que a Deputación comprometeuse con Concello para evitar este “estado de deterioro”.

Segundo indicou a concelleira de Educación, Deportes, Festas e Turismo, Susana Martínez Galdós, o recinto deportivo ten máis de 30 anos e precisaba urxentemente dunha reforma. O mesmo que o espazo educativo de Aquaciencia, que se inaugurou no 1999 e dende entón non se beneficiou de intervención algunha.

Pola súa banda, o alcalde agradeceu o compromiso da institución provincial non só con este proxecto senón con outros do concello. “As achegas doutras administracións, especialmente da Deputación, están sendo claves para que Ferrol creza”, sinalou Rey Varela, que lembrou por exemplo as axudas provinciais que recibiron infraestruturas culturais da cidade como o centro Torrente Ballester ou o auditorio de Caranza.

En canto ao recinto de A Malata, Rey Varela definiuno coma o “buque insignia do deporte ferrolano”, xa que nel compiten tanto o Ferrol Club Baloncesto coma o equipo de fútbol sala O Parrulo.

Obras
Con estas obras, que se esperan contratar canto antes, se acondicionará o edificio polideportivo, en concreto, se actuará sobre a cuberta, sobre a estrutura principal do edificio e nas cristaleiras, que se substituirán por outras novas, así coma o falso teito.

No xardín de Aquaciencia vanse forrar de madeira os caixóns e taboleiros dos 14 elementos educativos que funcionan por medio da auga. Ademais, se reparará o pavimento e os bancos de listóns de madeira que se atopan nos sendeiros. Por último, tamén se mellorarán os carteis didácticos e explicativos que figuran en cada unha das máquinas.

O custo da obra ascenderá 320.640,79 euros dos que a Deputación asumirá 256.512,63, o 80%.

En total, a Deputación da Coruña leva investidos neste mandato preto de 5 millóns de euros no concello de Ferrol a través de subvencións e plans provinciais.