Luns 25 de Setembro de 2017

VII Xuntanza Cabalar de Ardemil, o vindeiro 3 de xuño


Haberá rutas, carreiras e probas de andadura e trote, concurso de barrís, touro mecánico, xantar popular, procesión, actividades infantís, música, moita festa e diversión

O vindeiro 3 de xuño a parroquia de Ardemil acollerá a súa VII Xuntanza Cabalar. Como de costume a noite anterior terá lugar unha gran festa na que se repartirá de balde touciño entrefebrado a partir das 20 horas. Por suposto a música en vivo non faltará para animar a xornada que, de seguro, se prolongará ata ben entrada a noite.

Xa de cara ao segundo día o programa iniciarase ás 10 horas con saídas en ruta ao longo dun percorrido que alcanza os 18 quilómetros, para dar comezo a partir das 11 horas aos concursos morfolóxicos de pura raza galega. Ás 11.30 e 12 horas terán lugar as carreiras de andadura federada serrada e chapeada respectivamente. As inscricións nas distintas probas deberán formalizarse antes das 11 horas do mesmo día da súa celebración.
Os oficios relixiosos arrancarán ás 13 horas. Haberá misa con procesión na honra a Santo Antonio, na que se bendicirán os animais. Posteriormente un grupo de gaiteiros animará o momento cos seus sons tradicionais xusto antes do xantar, previsto para as 14 horas. Este ano o menú estará composto de lacón asado, patacas estufadas, sobremesas, viño, auga, refrescos, café e chupitos. O prezo é de 15 € por persoa, aínda que os nenos e nenas ata 8 anos poderán ir de balde. É necesario realizar as reservas antes do 26 de maio no teléfono 630199594.

O programa de tarde arrancará ás 16 horas co concurso de barrís con 100 € en premios. Novamente haberá probas de andadura federada e de trote sucesivamente dende as 16.30 ata as 18.30 horas. Os premios roldarán os 300 € na súa totalidade. Ademais tamén haberá touro mecánico e para os máis pequenos paseos e rutas a cabalo completamente gratis.

A Asociación Cultural Cabaleiros de Ardemil, organizadora da xuntanza, conta novamente coa colaboración do Concello de Ordes para a súa posta en marcha. Tamén participan: restaurante Avelino, servizos veterinarios e equinos Serveteq, Guardicionería Hermanos Gómez e a Federación Hípica Galega.