Venres 28 de Xullo de 2017

Oito equipos optarán mañá na fieiteira a unha praza para disputar a fase final do Campionato Galego Alevín de Fútbol-8


Entre eles, o Atlético Riveira, organizador da competición

Un total de oito equipos mediranse mañá campo de herba sintética da Fieiteira na fase intermedia zona norte do campionato galego alevín de fútbol-8.

A organización da competición foi encomendada por parte da Federación Galega de Fútbol ao Atlético Riveira e para falar dela compareceu hoxe no Concello o coordinador do club, Andrés Martínez, quen estivo acompañado do alcalde Manuel Ruiz.

A cita dará comezo ás 10.30 horas e prolongarase ata as 19.30. Os participantes estarán divididos en dous grupos: un grupo A, con Deportivo da Coruña, Narón, Bertamiráns e Atlético Riveira; e un grupo B con C.D. Lugo, Porto Burela, Victoria C.F. e C.D. Calasanz.

Os dous primeiros de cada grupo clasificaranse para a fase final en tanto que os outros catro disputarán unha fase de consolación. O vencedor disputará a fase final galega.

Andrés Martínez destacou o dobre orgullo de que a federación voltase a confiar no Atlético Riveira para a organización desta fase e, ademais, de que este equipo sexa un dos oito que van pelexar por alcanzar o pase á fase final galega.