Venres 28 de Xullo de 2017

O Concello de Lousame bonificará o 95% do IBI ás explotacións agrarias e gandeiras e rebaixará o tipo de gravame para rústica e urbana


Teresa Villaverde anuncia que o Pleno aprobará hoxe unha rebaixa do 0,65% ao 0,45% para inmobles de natureza rústica e do 0,55% ao 0,50 no caso da urbana

O Concello de Lousame bonificará o 95% da cota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) naquelas edificacións onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario e reducirá o tipo de gravame para rústica e urbana. Unhas medidas que serán aprobadas na sesión plenaria de hoxe venres, tal e como anunciou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante unha xornada informativa celebrada este xoves na Casa da Cultura, á que asistiron case un cento de veciños e veciñas.

Villaverde Pais explicou que “dende a Alcaldía proporemos este venres ao Pleno Municipal unha modificación na ordenanza do IBI para reducir o tipo de gravame para os inmobles de natureza rústica, que pasará do 0,65% ao 0,45%, e para os de natureza urbana, que pasarán do 0,55% ao 0,50%”. Así mesmo, o Pleno aprobará unha bonificación do 95% do IBI para os inmobles nos que se desenvolven actividades agrarias e gandeiras, “pois consideramos que é un sector estratéxico para o nosos territorio e porque Lousame é un concello plenamente rural”, indicou a alcaldesa.

Xaneiro de 2018

Villaverde apuntou que “a rebaixa vaise aplicar dende xaneiro de 2018” e fixo fincapé en que estas medidas “son as únicas que pode asumir o Concello, dentro das súas competencias legais, para paliar os efectos que a Regularización Catastral poidan ter sobre as familias de Lousame”. Así mesmo, fixo fincapé en que é o veciño/a quen ten que solicitar a bonificación, xa que a Lei non lle permite ao Concello outorgarlla directamente de oficio: ten que ser cada propietario/a o que se dirixa ao Concello para solicitala.

Finalmente, a alcaldesa explicou que case catrocentos veciños e veciñas fixeron uso do servizo de asesoramento gratuíto sobre o proceso de regularización catastral posto en marcha polo Concello de Lousame entre os días 2 e 18 de maio. “Hai máis de 120 alegacións presentadas e, se precisades axuda para presentar algunha máis, podedes acudir ao Concello”, apuntou Villaverde Pais.
Recibo da luz

Previamente, os veciños e veciñas asistiron a unha charla de Xabier González, técnico en xestión enerxética, que lles explicou trámites administrativos para poder baixar a factura da luz. “Se combinamos todas, as facturas poden baixar case á metade”, advertiu González, quen deu unha serie de consellos aos presentes. “Vivendas cunha potencia contratada por enriba de 6 kW/hora se pode baixar, se ben baixar de 4 xa é complicado”, apuntou Xabier González. Por cada kW/hora menos supón un aforro de 53 euros ao ano.

Tamén lles explicou que “podemos aforrar ata un 10% cambiando a tarifa contratada a outra que nos sexa máis beneficiosa” e aconsellou optar polo mercado regulado fronte ao mercado libre. Finalmente, fixo fincapé na importancia de solicitar o Bono Social no caso de ter dereito a el pois “supón un 25% de desconto e para pedilo só é preciso que o contrato estea ao teu nome, estar empadroado nesa vivenda e cumprir un dos catro supostos previstos: ser pensionista, estar en situación de desemprego, ser familia numerosa ou ter unha potencia contratada inferior a 3 kw”.

Algúns veciños e veciñas aproveitaron a ocasión para levar cadanseu recibo, de xeito que o técnico lles foi informando das posibilidades para reducir o prezo final das súas facturas. De feito, a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, anunciou que “en vista das numerosas dúbidas que xorden imos facer unha nova reunión proximamente para que os veciños e veciñas poidan traer cadansúas facturas e poder facerlles as recomendacións máis adaptadas ás súas necesidades”. Unha nova reunión que será convocada en próximas datas.