Mércores 11 de Decembro de 2019

O centro cultural de Sigüeiro acolle mañá venres a presentación da guía “Descrición do Camiño Inglés / The English Way”


A obra está escrita polo historiador local Manuel Pazos e por Trese Barton, graduada en Estudos Internacionais. Na presentación actuará “Canta Compaña”, que ofrecerá música medieval e coral galega

O centro cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá mañá venres 26 de maio, ás 20:30 horas, a presentación da guía “Descrición do Camiño Inglés: da Coruña a Compostela / The English Way: A Coruña to Santiago de Compostela”. Trátase dunha guía escrita en galego e en inglés sobre o Camiño Inglés, que foi promovida polo Concello de Oroso e elaborada por Manuel Pazos, historiador local e responsable do Arquivo Histórico Municipal de Fotografía, e Trese Barton, graduada en Estudos Internacionais de Detroit (USA).

Ambos autores estarán presentes na presentación de mañá venres, na que darán a coñecer as súas impresións sobre este traballo xa que non se trata do mesmo texto en galego e inglés, senón que cada autor recolleu as súas impresións nun texto independente. Un acto aberto a toda a veciñanza orosá e no que estarán acompañados polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira.

A guía está ilustrada con máis de 200 fotografías a cor e conta con información histórica, mapas, indicadores de distancias, lugares de paso das etapas, listado de albergues e aloxamentos… O acto estará amenizado musicalmente pola coral “Canta Compaña”, que sorprenderá aos asistentes cun repertorio de música medieval e coral galega.

Autores

Manuel Pazos naceu en Marzoa (Oroso) é diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista universitario en arquivística pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). Cursou estudos universitarios de Historia e de Antropoloxía Social e Cultural. Investigador da historia e da memoria, é autor de varias publicacións e artigos de temática centrada na comarca de Ordes. Promotor do Arquivo de Imaxes de Oroso, é responsable da asociación cultural “Obradoiro da História” desde o ano 1996.

Trese Barton naceu en Los Ángeles (California) e actualmente vive na Coruña, aínda que está planeando volver a Michigan este mesmo verán. Leva os seus últimos anos estudando en España, onde completou o seu graduado en Español e en Estudos Internacionais. Actualmente é mestra de inglés na Coruña, cidade onde naceu o seu interese na cultura ibérica.