Domingo 15 de Decembro de 2019

O Concello de Fene reforzará a ribeira do Cádavo con cargo ao POS+ 2017


79.520’72 euros é o importe do proxecto deseñado polo Concello de Fene para protexer a marxe do río Cádavo entre a rúa Cardoeiro e a rúa Camiño Real. O obxectivo da actuación é reforzar a ribeira para que a auga non continúe danando a cimentación da rúa e, ao mesmo tempo, repoñer o firme e as varandas da beiravía. As obras financiaranse con cargo á parte do POS+ provincial nutrida das baixas doutras obras. De feito, ademais deste proxecto, que segundo o alcalde é unha reivindicación veciñal «de moitos anos», o Concello tamén acometerá o arranxo das conducións soterradas e o asfaltado da zona das Chancas, neste caso cun proxecto por valor de 107.000 euros.

As obras de reforzo na marxe do Cádavo desenvolveranse sobre unha distancia duns 65 metros, desde o cruce coa rúa Cardoeiro ata pouco antes das vivendas de Astano. Malia tratarse dunha distancia relativamente curta, o proxecto é dunha elevada contía económica xa que non só será necesario recompoñer a base do camiño, senón que tamén haberá que poñerlle remedio á acción erosiva do río construíndo unha escolleira.

O problema ao que agora se lle dará solución vén de vello. Tal e como sinala o rexedor local, Juventino Trigo, «o río está comendo a rúa desde hai moitos tempo», o que provocou corrementos de terra e que non exista unha protección adecuada nin para viandantes nin para tráfico rodado.

Tamén veñen de vello as queixas veciñais. Segundo Trigo, a reparación definitiva da zona «é algo que os veciños e veciñas de Perlío demandan desde hai moitísimos anos», razón pola que se incluíse o proxecto na programación do POS+ 2017, que lle suporá a Fene unha inxección económica de 775.000 euros.

Os informes técnicos xa están elaborados e prevese que esta e outras obras sexan aprobadas no pleno provincial do 8 de xuño. Trala aprobación o Concello poderá empezar a executar o plan. As expectativas do executivo local apuntan a que a reparación da rúa Río Cádavo entre Cardoeiro e o Camiño Real se poida levar a cabo entre finais deste ano e principios do que vén.

Esta non será a única actuación en todo o trazado desta rúa de Perlío. Cómpre lembrar que hai uns días finalizou o aglomerado do tramo comprendido entre o cruzamento de San Salvador e o de Cardoeiro. Dentro desa actuación tamén se fixo unha reparación temporal na parte baixa da rúa, preto da costa das Chancas, que será obxecto dun proxecto de maior envergadura incluído tamén no POS+ e cun investimento estimado superior aos 107.000 euros. Nese caso os traballos consistirán na modernización das canalizacións de auga e do saneamento e no posterior aglomerado dese anaco final da rúa xunto coa rúa Baixa e a rúa das Chancas.