Venres 23 de Febreiro de 2018

A Xunta adxudica tres vivendas en réxime de alugueiro social en Cee, Boiro e Santiago de Compostela a familias en situación de emerxencia


A Comisión Provincial de Vivenda aprobou a proposta de adxudicación de ambas vivendas, unha cedida por Abanca e as outras propiedade da Consellería de Infraestruturas e Vivenda
A Comisión Provincial de Vivenda de A Coruña aprobou propoñer a adxudicación directa de tres vivendas a familias en situación de especial necesidade. Nos tres casos a adxudicación realizarase en réxime de alugueiro social.

Unha das vivendas que a comisión propón adxudicar está emprazada no concello de Cee e foi cedida por Abanca á Consellería de Infraestruturas e Vivenda a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo con destino a alugueiro social.

As outras dúas vivendas son propiedade do Goberno galego e están emprazadas nos concellos de Santiago de Compostela e Boiro.

Unha vez que a vivenda sexa adxudicada polo departamento que dirixe Ethel Vázquez asinarase o contrato de alugueiro e entregaranse as chaves da mesma aos adxudicatarios.

No que vai de 2017, xa se realoxou a 37 familias en vivendas propiedade da Xunta ou cedidas por Abanca, Sareb e CaixaBank. A estas familias hai que sumar as beneficiadas polo Bono de Alugueiro Social e outras medidas adoptadas pola Administración autonómica.

Ao abeiro das 12 medidas adoptadas polo Executivo autonómico fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda, xa foron atendidos máis de 1.200 casos en toda Galicia.