Venres 16 de Abril de 2021

A Xunta saca a licitación o reforzo do firme en preto de 150 quilómetros de estradas autonómicas por máis de 1,8 millóns


O Diario Oficial de Galicia publica o anuncio, no que se dividen as actuación en dous bloques, cun orzamento de saída de máis de 900.000 euros cada un deles
O Diario Oficial de Galicia publica dúas licitacións de distintos reforzos de firme na provincia da Coruña. Trátase de bloques de obras nun total de preto de 150 quilómetros de estradas de titularidade autonómica, que sumadas acadan un investimento de saída de máis de 1,8 millóns de euros.

Por unha banda saen a licitación as actuacións necesarias para levar a cabo unha serie de reparacións estruturais e superficiais que permitan prolongar a vida útil do pavimento das estradas AC-241,AC-242 e AC-302, todas elas da rede secundaria da Xunta de Galicia, mellorando a comodidade e seguridade dos usuarios. Os traballos neste caso afectan a 33,6 quilómetros das estradas AC-241 Ponte Ulla (N-525)-Pontevea (AC-841), AC-242 Padrón (N-550)-Pontevea (AC-841), e AC-302A Pobra do Caramiñal (AC-305)-Oleiros (AC-550). Este lote conta cun orzamento de partida de 916.000 euros. Serán preto de 69.000 veciños dos concellos de Vedra, Teo, Padrón, A Pobra do Caramiñal e Ribeira os que se beneficien destas melloras, que non implican ningún proceso de expropiación.

Por outra banda, sácase a licitación a reparación e reforzo do firme en treitos das estradas AC-400 e AC-404, entre outras, co fin de mellorar a seguridade viaria. Neste caso trátase de vías pertencentes a rede primaria da Xunta de Galicia. En xeral, as actuacións consistirán no fresado e reparación das zonas deterioradas, a extensión de microaglomerado en frío en áreas fisuradas sen deformacións, o selado de gretas localizadas e a reposición das marcas viarias e sinalización.

Este segundo grupo de traballos abrangue estradas dos concellos de Carballo, Cerceda, Coristanco, Mazaricos, Outes, Santa Comba, Tordoia e Zas, e sae a licitación por un importe máximo de 907.000 euros. Os municipios que se beneficiarán destas obras suman máis de 71.200 habitantes e tampouco supoñen expropiacións. En ambos os casos o período de execución, unha vez se adxudiquen, é de catro meses.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá unha das estradas nas que está previsto actuar, acompañado polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez. Rodeiro destacou o esforzo da Xunta a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.