Venres 20 de Abril de 2018

A banda de rock Guerrera recibe ao dúo electrónico Totale para un concerto dobre no Teatro Principal de Santiago de Compostela


Será o domingo 25 de xuño ás 20.00 horas

O encontro será posible grazas ao ciclo Compostela conversa que une artistas con vínculos comúns a través dunha sesión dobre de concertos e conversa no Teatro Principal de Santiago de Compostela

As entradas poderán mercarse a un prezo de 10 euros (50% cos descontos habituais) no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443

Guerrera, a consolidada formación galega que dinamita os conceptos de stoner e post-hardcore no seu terceiro albúm homónimo, recibe no teatro Principal de Santiago a Totale, banda de recente creación na que os veteranos Igor Casayjardín e Jorge Mills apostan pola experimentación, xogando a facer pop romántico con sintetizadores analóxicos.

Esta unión bizarra, chamánica e irrepetible faise posible grazas aos fíos comúns nos que se sustenta Compostela Conversa, que nesta ocasión unen a Hugo Santeiro (Guerrera) e Igor Casayjardín (Totale), diseñadores gráficos que conversarán brevemente antes dos concertos sobre deseño aplicado a concertos, discos e bandas, afondando na súa visión e experiencia persoal.

Tras a conversa os asistentes poderán disfrutar dos concertos dos dous grupos, unha experiencia irrepetible que terá lugar o próximo 25 de xuño ás 20.00 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
O público pode enviar as súas preguntas a cada un dos grupos previamente a través da conta de correo electrónico compostelaconversa@gmail.com e os e as artistas responderán o mesmo día do concerto en directo.
As entradas para cada encontro terán un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse a partir desta tarde no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18 a 21 h), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

GUERRERA
GUERRERA nacen a finais de 2009 cando Hugo, Álex e Luis, tamén xuntos en Un Lobo En La Jaula, comezan a ensaiar como trío de 2 guitarras e batería centrando a súa música no blues rock, o stoner e a psicodelia do anos 70. Tras anos de crecemento e consolidación publican en 2016 o disco homónimo, Guerrera, unha odisea sonora excitante que atravesa os contornos do rock que alcanzaran os seus predecesores “Mauna Loa” (Matapadre, 2014) e “Under the Gypsy Sun” (autoeditado, 2012).
“Guerrera”, terceira longa duración da banda aniquila o concepto de stoner e post-hardcore, alcanza emprazamentos so adquiridos a través de éxtase espiritual, de maxia negra e sacrificios a antigos demos, de viaxes chamánicos con ayahuasca, consolidando a idea da Gestalt de que o todo e maior que a suma das súas partes: riffs incisivos como baionetas afundidas nas tempas e unha sección rítmica digna do exército de Aníbal, coma nos tiñan acostumados nos seus traballos anteriores. Súmase agora unha maior diversidade de dinámica, timbre e métrica, intuíndose influencias do folclore suramericano e incluso de tradición xudía, pasaxes de de carácter máis progresivo que rememoran aos primeiros soft Machine nas súas cadencias máis salvaxes, aderezados de episodios con forte aroma ao kraut de Can ou Neu.
TOTALE
Totale son punks xogando a facer pop romántico con sintetizadores analóxicos, ou o que é o mesmo, un dúo de minimal-wave formado en Madrid por Jorge Mills (sintetizadores e voz) e Igor Casayjardín (sintetizadores e caixa de ritmos). Decláranse seguidores de Oppenheimer Analysis, Human League, Absolute Body Control, Suicide o DAF. Sons sintetizados, escuridade pícara, bailoteo solemne. Como presenciar unha liturxia pagá retrofuturista— celebrando a chegada da máquina!