Luns 16 de Decembro de 2019

Convenio entre Andaina PSM e a Xunta para programas domiciliarios no rural ordense


A Consellería de Sanidade achega un total de 15000 euros. A asociación conta xa coa colaboración do Concello de Ordes para o desenvolvemento da súa actividade no municipio

A Asociación Andaina Pro Saúde Mental vén de asinar coa Consellería de Sanidade o convenio de colaboración para, por primeira vez en Ordes, levar a cabo un programa de intervención en domicilios rurais para a atención á saúde mental. Concretamente desenvolverase nas comarcas de Ordes e Ulla-Sar e ten unha dotación de 15.000 euros.

Esta iniciativa viuse formalizada onte na xuntanza anual que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, mantivo coas entidades sen ánimo de lucro que asinan convenios coa Xunta, para o que ese ano a Administración destina 6,2 millóns de euros.

A dita iniciativa incluirá o diagnóstico e a atención individualizada por un equipo multidisciplinar e por un profesional de atención sociosanitaria que atenderá ao paciente no seu fogar. Traballarase, así mesmo, na súa integración na comunidade a través da información sobre recursos comunitarios, administrativos e socioeconómicos. O modelo de atención á saúde mental de Galicia prioriza a atención na comunidade e a integración social da persoa enferma e leva a cabo programas de achegamento á poboación xeral e en especial de non discriminación deste colectivo.

Apoio familiar
Nos últimos anos Andaina Pro Saúde Mental xa leva traballado na comarca ordense, onde ademais de ofrecer atención especializada a persoas afectadas por distintas problemáticas presta apoio e asesoramento ás súas familias. Entre outras funcións organiza e desenvolve terapias e obradoiros de diversa índole, contando para isto coa colaboración do Concello de Ordes. Precisamente no último pleno aprobouse por unanimidade a formalización do convenio de cooperación coa asociación, que entre outros puntos inclúe a cesión dun inmoble de titularidade municipal situado na rúa Galicia (antiga escola) para actividades terapéuticas, rehabilitadoras e de índole social.