Domingo 07 de Marzo de 2021

O programa Xuño deportivo propónnos unha ruta de sendeirismo polo Castro para este domingo


Xusto antes das vacacións de verán, o departamento de Deportes do Concello de San Sadurniño propón tres actividades encadradas no denominado “Xuño deportivo”. Trátase dun programa de promoción do exercicio físico dirixido a toda a familia que oferta unha tarde de deporte na auga, unha saída en bicicleta e, a deste domingo, unha ruta de sendeirismo percorrendo as beiras do Castro. Para participar en todas estas propostas fai falla inscrición previa, que debe formalizarse na Casa da Cultura ou a través do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

A ruta de sendeirismo deste domingo 11 de xuño comezará ás 10.00h. ao pé da pista polideportiva de Naraío. Desde alí iniciarase unha camiñada circular de 12 quilómetros que discorrerá pola ruta do Castro ata chegar ao castelo, desde onde se dará a volta para volver ao punto de partida.

É un itinerario de dificultade baixa que pode facerse en pouco máis de dúas horas sen demasiado esforzo, xa que todos os carreiros son bos de andar, están limpos e, ademais, pasan por zonas dun alto valor ambiental e certamente fermosas.

Aínda que a ruta sexa doada, desde a área de Deportes fan varias recomendacións: usar calzado cómodo que non sexa de estrea e que protexa os nocellos, roupa lixeira que permita a transpiración e, dependendo do tempo, que sexa impermeable. É recomendable tamén levar un botellín de agua e produtos de pequeno volume e alto poder enerxético -galletas, barriñas de cereais, etc.- e as persoas con algunha doenza -asma, diabete, etc.- deberán levar os medicamentos que deban tomar e avisar á monitora antes de comenzar a ruta.

Outras actividades
As outras propostas do Xuño deportivo desenvolveranse o sábado 17 de xuño e o domingo 25. A primeira delas será unha xornada de aventura nas augas da ría de Ares entre as 16 e as 18.30h., onde as persoas participantes poderán estrearse no windsurf, no paddle surf e no kaiak. Hai 20 prazas dispoñibles e o prezo son 12 euros por persoa. Os dous únicos requisitos que se piden son o de ter máis de 15 anos e o de saber nadar.

O Xuño deportivo rematará na mañá do domingo 25 -día no que tamén temos mercado local- coa tradicional ruta ciclista en familia polos arredores de San Sadurniño. A saída está posta para as 11.00h. desde diante do colexio público. O percorrido é apto para calquera idade, aínda que para participar haberá que ter máis de 7 anos e, no caso de menores, ir na compaña dunha persoa adulta. Tamén é obrigatorio o uso do casco.

Quen queira apuntarse en calquera das saídas do Xuño deportivo debe inscribirse na Casa da Cultura en horario de mañá ou enviarlle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal. Os documentos que haberá que cubrir son os seguintes:

Fóra do Xuño deportivo temos, ademais, dúas camiñadas parroquiais pendentes: unha por Naraío o vindeiro luns e outra por San Sadurniño o día 20. Non é necesario inscribirse, abonda con estar no punto de encontro ás 16.30h. Iso si, desde o Concello aconséllase -igual que para a ruta de sendeirismo- levar roupa cómoda e clara -mellor chaleco reflectante-, calzado sen tacón que non sexa de estrea, calcetíns de algodón, gorra, bebida e algo de comer.