Venres 15 de Decembro de 2017

BriónVerán 2017 incluirá cursos de natación, acampadas de verán e dous campamentos, un infantil nas illas Ons e outro xuvenil en Padrón


O Concello de Brión vén de abrir o prazo de inscrición no seu programa de actividades para a época estival, denominado BriónVerán 2017, e que inclúe catro actividades: cursos de natación, acampadas de verán e dous campamentos, un infantil nas illas Ons e outro xuvenil en Padrón. Nos catro casos a admisión realizarase por orde de inscrición e o prazo de inscrición estará aberto ata o próximo 23 de xuño, na Casa da Cultura, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Terán preferencia as persoas empadroadas en Brión, podendo participar as de fóra do municipio só no caso de quedaren prazas libres.

Tras o éxito de participación acadado na edición de 2016, o Concello de Brión convoca outras catro acampadas de fin de semana. Dúas serán familiares, para familias con nenos/as de 3 a 6 anos o 1 e 2 de xullo e o 29 e 30 de xullo. A acampada infantil, para nenos de 6 a 9 anos, terá lugar o 15 e 16 de xullo mentres que a acampada xuvenil, para nenos de 10 a 14 anos, será o 2 e 3 de setembro. Todas as acampadas terán lugar na área de piragüismo de Ons e os prezos por participante serán de 10 euros, que se reducen a 5 euros no caso do segundo irmán/irmá e gratuíto para os seguintes.

Tamén volven os Cursos de Natación e Actividades Complementarias, un campamento urbano para nenos e nenas de 4 a 12 anos de idade, que terá lugar do 3 ao 31 de xullo, de 10:00 a 14:00 horas, na piscina municipal e no polideportivo municipal. O custe é de 25 euros por persoa e semana (transporte incluído), 13 euros no caso de segundo irmán/irmá e gratuíto para terceiro e seguintes.

Campamentos

Do 16 ao 22 de xullo terá lugar o Campamento Xuvenil, no que poderán participar ata 20 rapaces e rapazas de entre 13 e 17 anos de idade. O campamento terá lugar no Galipark de Padrón, onde practicarán rafting, kayac, paintball, rocódromo, tirolina, tiro con arco, quads, circuíto de altura… O prezo será de 50 euros por persoa, 25 euros no caso do segundo irmá/irmán e gratuíto para o terceiro e seguintes.

Finalmente, o Campamento Infantil terá lugar do 18 a 29 de agosto na Illa de Ons. Poderán participar ata 50 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 7 e os 14 ano. O custe deste campamento é de 150 euros por persoa (75 euros para segundos irmáns/irmás e gratuíto para os seguintes).