Sábado 20 de Outubro de 2018

O Museo de Belas Artes da Coruña convoca obradoiros de verán para rapaces de entre 7 e 12 anos en sesións prácticas e lúdicas


Os rapaces farán un percorrido polo retrato, vendo como foi cambiando no tempo, partindo do autorretrato e chegando a propostas de vangarda, como o ‘selfie’

En colaboración coa Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes, o Museo de Belas Artes da Coruña, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, abre o prazo para inscribirse nos obradoiros destinados a rapaces de entre 7 e 12 anos para xullo. Partindo dalgunhas das obras que forman parte da colección do Museo de Belas Artes da Coruña, así como doutras obras destacadas da Historia da Arte, os rapaces farán un percorrido polo retrato, vendo como este foi cambiando ao longo do tempo. Desde os retratos monárquicos barrocos da colección do museo ata as propostas máis contemporáneas e vangardistas, reflexionarán sobre conceptos coma a aparencia, a identidade e o corpo.
En sesións sempre prácticas e lúdicas, os rapaces traballarán o autorretrato e o xeito en que nos mostramos fronte aos outros; como nos vemos a nós mesmos e como nos ven os demais. Traballarán con numerosos medios como a fotografía, a pintura, a escenografía, os “obxectos atopados”, nunha semana chea de diversión e autocoñecemento.

Nestes obradoiros semanais, os nenos e nenas poderán coñecer distintos tipos de manifestacións artísticas, desde a pintura e a miniatura ata o body-art, pasando pola fotografía; potenciar a súa imaxinación e creatividade; aumentar o interese pola arte de distintas épocas e estilos; coñecer máis do outro e de nós mesmos a través da plástica; e vincular a arte do pasado coa do presente e co mundo que nos rodea.

Cun custo mínimo, os rapaces que desexen participar nos obradoiros poden inscribirse chamando ao teléfono do Museo 881 881 700, en horario de mañá de luns a venres, ou enviando un correo electrónico a mu.belas.artes.difusion@xunta.gal.