Mércores 08 de Xullo de 2020

O conselleiro de Sanidade entrega o diploma de ouro ao concello de Corcubión por ter todas as súas praias libres de fume de tabaco


A Rede galega de praias sen fume nace cun fin educativo e de sensibilización social

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregoulle hoxe ao alcalde de Corcubión, Manuel Insua, o galardón na categoría de ouro da iniciativa Praias sen Fume da Consellería de Sanidade por ter declaradas sen fume todas as praias do seu municipio. O conselleiro destacou que a Rede Galega de Praias sen Fume está constituída na actualidade por 46 praias de 27 concellos, polo que a poboación destes lugares poderá elixir desfrutar do seu tempo de ocio lonxe do fume do tabaco. “Conseguir que nos vindeiros anos todas as praias do noso litoral formen parte da rede é un reto que só acadaremos coa implicación de toda a cidadanía galega”, dixo o conselleiro.

Tal e como destacou Almuiña, a rede naceu cun fin educativo e de sensibilización social, e recalcou a importancia da conduta dos adultos ante os máis pequenos, como figuras modélicas que son. Un claro posicionamento negativo ante o tabaco fará que moitos mozos non empecen a fumar, xa que a imitación da conduta dos adultos forma parte dos factores causais do inicio.

“Que a mocidade saiba que o normal é non fumar é un dos obxectivos da rede. Ampliar a delimitación do consumo ás praias, ámbito que non recolle a normativa actual, fainos avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco, converténdose este entorno da praia en educativo e preventivo”, salientou.

Pertencer á rede compromete ao concello a identificar e sinalizar as praias cos materiais idenfiticativos da rede facilitados pola Consellería de Sanidade. Ademais, difundiranse entre a poboación os folletos informativos e de sensibilización e desenvolveranse no concello actividades ou accións encamiñadas a acadar unha sociedade libre do tabaco.

A avaliación dos resultados desta iniciativa pola poboación foi excelente, sendo conscientes que o cambio de actitude da sociedade neste tema é un proceso que necesita tempo para a súa consolidación. Así, máis do 60% da poboación considera a iniciativa boa ou moi boa. O 57% pensa que debería ampliarse a outras praias e o 43,9% a outros espazos ao aire libre.

O concello de Corcubión súmase así ao de Baiona, que hai uns días recibiu a mesma distinción, por manter todos os seus areais libres de fume.