Mércores 20 de Xuño de 2018

O Premio de Banda Deseñada Castelao recala en Riveira por primeira vez


“A carreta do diaño” pode verse no Lustres Rivas ata o 25 de xuño

O Centro Cultural Lustres Rivas conta dende o venres cunha nova exposición: “A carreta do diaño”, obra do autor Fernando Llorente que foi galardoada co X Premio de Banda Deseñada Castelao convocado pola Deputación da Coruña.

Con motivo do seu acto inaugural compareceron na instalación municipal a concelleira de Educación e Cultura, Herminia Pouso, e Ánxela Franco no nome da institución provincial.

Esta é a primeira vez que se exhibe en Riveira o Premio de Banda Deseñada Castelao tras ter albergado en varias ocasións outros certames da Deputación como o Jesús Núñez de Arte Gráfico, o Luis Ksado de Fotografía, o Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas ou o Antonio Fraguas de Artesanía.

Fernando Llorente é un artista canario afincado dende fai anos na Coruña e o que se pode contemplar no Lustres Rivas son tanto reproducións dalgunhas páxinas da obra finalizada (o cómic ten 160 en total, debuxadas en páxinas en branco) como bocetos ou textos en prosa.

Fernando Llorente forma parte dunha listaxe de gañadores do premio que iniciou David Rubín en 2005 e da que forman parte artistas como Antonio Seijas, Jacobo Fernández, Mariano Casas, Daniel Montero, Brais Rodríguez, Iván Suárez, Ignacio Vilariño, FranBueno, Kico Dasilva e Emilio Fonseca.

A mostra poderá ser vista ata o 25 de xuño, en horario de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas.