Martes 23 de Xaneiro de 2018

A Xunta de Galicia investirá case 93.000 euros na mellora dos camiños rurais do concello de Dodro entre 2013 e 2015


O obxectivo fundamental destas intervencións é arranxar deficiencias e dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación no medio rural

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou o concello de Dodro para supervisar o resultado das obras de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio realizadas ao longo deste 2014 e analizar os proxectos previstos para o vindeiro exercicio a través do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal que ven desenvolvendo a Consellería do Medio Rural e do Mar e que, este ano, estará cofinanciado pola Deputación da Coruña.

Así, o municipio contou no programa 2013-2014 cunha achega de 37.906 euros, que serviron para acondicionar seis camiños: o transversal á AC-305 que chega ata o desvío da autovía, o de Cadega-Muronovo, o de Muronovo-Rial, o de Reboiras-Eiró, o que conecta o cruce de Malladoira e Susavila e o que une Rial e a estrada da Deputación. Segundo comprobou Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde, Valentín Alfonsín, actuouse sobre un quilómetro de pistas, nas que se realizaron tratamentos asfálticos superficiais para mellorar a capa de rodadura e se procedeu á limpeza das cunetas.

Na mesma liña, o rexedor trasladoulle á delegada territorial o proxecto que está a elaborar o concello para continuar con estas actuacións nos vindeiros meses, que inclúe o arranxo dun tramo de tres quilómetros na vía entre Teaio e Bustelo, na que se mellorará o trazado para a supresión de varias curvas. En virtude do convenio asinado entre Medio Rural e a Deputación hai escasas semanas, o concello recibirá entre 2014 e 2015 unha achega de 54.772 euros, é dicir, un 44% máis que na convocatoria anterior.

O obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

No seu percorrido pola zona, a representante do Goberno galego na provincia tamén subliñou que se trata dunha actuación que se leva a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta, a Deputación e o concello de Dodro. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle á responsable local “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.