Xoves 12 de Decembro de 2019

Aberto o prazo de presentación de ofertas para o subministro dun sistema de control de acceso ás rúas peonís Galicia e Santa Uxía


Paralelamente a esta acción desenvolverase unha segunda actuación para renovar a pavimentación das rúas afectadas e a Praza de Compostela

O Boletín Oficial da Provincia publica na súa edición a apertura do prazo de presentación de ofertas para unha nova actuación consistente na subministración e instalación dun sistema de control de accesos por lector de matrícula nas rúas peonís de Galicia e Santa Uxía.

O importe desta acción ascende a 99.313,76 euros, financiados no marco do Plan DTC da Deputación, e teñen como obxectivo solucionar un problema recorrente na cidade como son as frecuentes roturas que se producen no pavimento das rúas, debido fundamentalmente ao acceso non autorizado de vehículos que deterioran estes espazos, e que ocasionan ademais unha contaminación acústica e ambiental e un impacto estético negativo.

Lector de matrículas e semáforo
Así e logo, o Concello de Riveira proponse implantar un sistema de restricción de accesos empregando técnicas de lectura de matrículas, tanto para identificar o paso dos vehículos autorizados como para rexistrar a aqueles que accedan sen autorización, acompañadas de semáforos que indiquen en cada momento se está permitida ou non a circulación.

Os dispositivos serán instalados en catro puntos: entrada á rúa de Galicia dende Rosalía de Castro (cámara + semáforo), entrada a rúa de Galicia dende a praza Otero Goyanes (cámara + semáforo), entrada á rúa Santa Uxía dende a praza do Concelo (cámara + semáforo) e saída de rúa de Galicia polo lado do mercado municipal (cámara).
O prazo de presentación de ofertas é de quince días naturais e concluirá o vindeiro 2 de decembro. O procedemento é aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación.

A execución desta acción, que ten un período de 75 días naturais, irá simultaneada cunha segunda actuación tamén incardinada dentro do Plan DTC que implicará a renovación do pavimento en distintas vías peonís, como as citadas Galicia e Santa Uxía e a preza de Compostela.