Sábado 20 de Outubro de 2018

O goberno local pide ao PP lealdade institucional para lograr a III convocatoria dos fondos europeos


O goberno local de Cambre pedirá ao grupo municipal do Partido Popular de Cambre que apoie ao Concello na súa solicitude á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Presidencia para que se publique unha terceira convocatoria dos Fondos Edusi, tal e como está previsto noutras comunidades autónomas.

Segundo o edil de Urbanismo, Juan Leirós, o Ministerio decidiu, por agora, non aprobar esta terceira convocatoria tras a negativa da Xunta a achegar máis fondos para o conxunto das axudas.

“Pídolles colaboración institucional, xa que así o dixeron abertamente nun pleno pasado. Dixeron que colaborarían connosco para lograr estes fondos. Si é así, poden dirixirse á Xunta e loitar para que destes fondos e apoie a terceira convocatoria”.

Pola súa banda, o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, mostrouse indignado pola actitude dos edís populares aos que cualificou de ?pouco respectuosos? coa Corporación.

“Entendo que teñen pouco tempo para realizar os seus rogos, pero eu teño a obrigación de facer cumprir o Regulamento Orgánico Municipal, que eles mesmos aprobaron. Os tempos están marcados nese regulamento e teñen que respectar as súas quendas. Incluso unha hora antes do pleno, na xunta de portavoces, puideron solicitar unha quenda máis de palabra e non o fixeron”.
“Non vou permitir que o PP faga un circo de cada pleno coa única intención de desprestixiar o labor municipal. Hoxe só viñeron cobrar”.