Luns 16 de Setembro de 2019

Interesante presentación no Centro Lustres Rivas do libro de Rafael Lema Mouzo “Costa da morte. Crónica marítima”


No marco da programación do Xuño da Cultura e as Artes de Riveira, o prestixioso experto Rafael Lema Mouzo, profundo coñecedor do noso patrimonio marítimo, presentou no serán de onte no Centro Cultural Lustres Rivas o seu novo libro «Costa da Morte. Crónica Marítima»: unha interesante e voluminosa investigación na que ademais de rachar con algúns dos tópicos negativos que envolven a esta terra enfatizou a dimensión de Galicia como verdadeiro centro planetario do mundo do mar.

Non é esta a primeira vez en que Lema Mouzo recala na instalación municipal pois xa fai tres anos anos dera a coñecer o seu volume «Catálogo de Naufraxios da Costa da Morte».

O relator –que estivo acompañado na mesa pola concelleira de Cultura Herminia Pouso e o arquiveiro municipal José Antonio Otero- disertou sobre aspectos vinculados co Barbanza tan interesantes como o papel que localidades como Palmeira ou Riveira xogaron á hora de proveer de navegantes a toda a flota española ou a máis que probable existencia de vestixios da industria de salazón de orixe romana en lugares do noso municipio como Corrubedo ou Sálvora.

O evento, de máis dunha hora de duración, finalizou cun interesante debate cos asistentes reunidos e unha firma de exemplares.