Sábado 15 de Decembro de 2018

Medio Ambiente habilitou un sendeiro no centro de Boiro para mellorar a cohesión urbana e facilitar a integración veciñal


A Xunta investiu 90.000 euros nesta actuación, que permitiu recuperar un espazo verde, garantir a seguridade en zona escolar e optimizar os recursos lumínicos

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio creou un novo sendeiro urbano para facilitar a circulación peonil a e integración dos veciños e veciñas de Boiro. Con esta actuación na Avenida da Municipalidade de Avellaneda, na que o departamento autonómico investiu 90.000 euros, recuperouse un espazo verde, reforzáronse as medidas de seguridade nunha zona de paso e recollida de escolares e optimizouse a iluminación mediante a instalación de puntos de luz sobre báculos e balizas. Así o explicou esta mañá a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, logo de coñecer, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e rexedor local, Juan José Dieste, o resultado final dos traballos.

Esta actuación, executada ao abeiro do Plan Hurbe, suporá un beneficio para a vida diaria dos veciños e veciñas, pois mellora a conexión urbana mediante unha senda que conduce á praia de Barrañán e mellora un espazo destinado naturalmente para a espera e recollida dos cativos que saen da escola. Ademais, as precaucións tomadas durante a execución das obras permitiron a conservación e recuperación das barreiras vexetais existentes (noiro e árbores), xa que se entendeu que cumprían perfectamente a súa función de separación do tráfico rodado e era o máis axeitado desde o punto de vista da sostenibilidade.

Deste xeito, e logo dun percorrido pola zona, a o delegado territorial e a directora xeral de Ordenación do Territorio poideron constatar que “o cambio foi radical e, por suposto, a mellor”. Cómpre salientar que Boiro contaba neste punto cunha área verde deteriorada, sen equipamento de mobiliario urbano e cun sistema de iluminación inadecuado por resultar desproporcionado.

Por iso decidiuse crear un sendeiro que servise de paseo e tamén como zona de esparexemento, lecer e goce dos veciños cunha visible mellora dos servizos. Así, combináronse zonas de terra vexetal e céspede con pavimento de granito natural, instaláronse bancos de pedra sobre estrutura de aceiro cortén e se dispuxeron papeleiras. En canto á iluminación, suprimíronse os postes de luz existentes e dotouse á zona de puntos de luz a escala máis humana. Igualmente, creáronse pequenos montículos que seguen servindo de protección, pero tamén, como elemento de xogo para os rapaces.

Plan Hurbe
É importante destacar que esta actuación desenvolveuse ao abeiro do Plan Hurbe posto en marcha no ano 2010 co obxectivo de humanizar as vilas galegas, mellorando os contornos urbanos, contribuíndo ao benestar dos veciños e incrementando a habitabilidade, a comodidade e a sensación de comunidade.

Encarnación Rivas lembrou que este Plan cumpre cun dos obxectivos prioritarios do Goberno galego que é a colaboración e cooperación entre a administración autonómica e os concellos, “como é o caso”, apuntou. Do mesmo xeito, indicou que esta é unha boa forma de “avanzar xuntos en Galicia cara a un urbanismo responsable, sustentable e participativo”.

Neste senso, felicitou ao rexedor local por fomentar a cooperación institucional e promover o uso e goce das zonas públicas, xa que, con esta actuación, “potenciarase a integración das persoas e as relacións humanas”.

15 actuacións finalizadas ou en execución na provincia
O delegado territorial da Xunta na Coruña destacou que “esta obra de Boiro súmase ás actuacións previstas no Plan Hurbe que finalizan o estarán en execución na provincia da Coruña durante o 2017”. En total, serán 15 iniciativas noutros tantos concellos coruñeses que suporán un investimento de 3 millóns de euros.

Desde a posta en marcha do Plan, en 2010, o Goberno galego comprometeu un orzamento de 40 millóns só na provincia da Coruña, onde se executaron 33 actuacións en 27 concellos. En xeral en toda Galicia, ao abeiro do Plan Hurbe, realizáronse 157 actuacións que beneficiaron a 114 concellos e supuxeron un investimento de 123 millóns.