Luns 23 de Abril de 2018

Ovidio Rodeiro inaugurará mañá venres a piscina infantil de Frades, construída cunha achega de 26.000 euros da Xunta


O acto coincidirá coa apertura da piscina municipal de Papucín, que este ano amplía en dúas horas o seu horario de fin de semana

A piscina municipal de Papucín (Frades) abrirá as súas portas ao público mañá venres 23 de xuño, ás 16:30 horas. Unhas instalacións que durante este verán foron sometidas a unha profunda mellora por parte do Concello de Frades, que construíu unha piscina infantil e habilitou unha nova zona de paseo, ampliando así a superficie útil do lugar.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, serán os encargados de inaugurar a piscina infantil, construída grazas a unha achega de 26.446 euros da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Unha axuda conseguida polo Concello de Frades a principios do verán de 2016 ao abeiro do programa de axudas á creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de Servizos Municipais convocadas pola Xunta e cofinanciadas con Fondos FEADER no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Novo horario

Unhas instalacións que abrirán para a campaña de verán mañá venres, ampliando o seu horario de apertura en dúas horas as fins de semana. Así, o horario de luns a venres manterase de 15:30 a 20:30 horas; pero os sábados e domingos adiantarase a apertura ás 13:30 horas. A entrada ás instalacións é totalmente libre e de balde.

Paralelamente, o Concello de Frades ofrecerá os tradicionais Cursos de Natación, que terán lugar do 10 de xullo ao 25 de agosto na piscina municipal. Haberá clases 3 días por semana, en horario de 14:30 a 16:00 horas. Organizaranse dous grupos: nenos/as maiores de 4 anos (15 euros persoas empadroadas) e adultos (25 euros). As persoas non empadroadas aboarán 10 euros máis en cada caso. Máis información e inscricións no Concello de Frades (981 695 567 ou 981 695 663). A data límite para anotarse é o martes 4 de xullo.